O BNG insiste en remunicipalizar a auga á vista dos novos datos da pokémon
O BNG exixiu aos rexedores do PSOE de Betanzos e Bergondo que aclaren de inmediato a súa implicación nos feitos que pon de relevo o sumario da Pokemon sobre enchufes nas concesións da auga en ambos Concellos
Betanzos, 28 de setembro de 2014. O BNG exixiu aos rexedores do PSOE de Betanzos e Bergondo que aclaren de inmediato a súa implicación nos feitos que pon de relevo o sumario da Pokemon sobre enchufes nas concesións da auga en ambos Concellos. Por unha cuestión de hixiene democrática, é urxente que alcaldesa e alcalde dean explicacións públicas xa para evitar a sensación de corrupción xeneralizada na nosa comarca, engadiu o responsábel de política municipal do BNG nas Mariñas, Henrique del Río.
En lugar de andar ofrecendo denuncias, o que ten que facer a alcaldesa de Bergondo é explicar a súa vinculación con estes mails diante da veciñanza, engadiu David Carro, do BNG de Bergondo. Deberan explicarse ou dimitir e non seguir actuando de costas aos veciños e veciñas beneficiando a outros intereses, abundou. O PSOE dá moitas leccións pero logo non se acorda daquilo de que a muller do César ademais de ser honrada ten que parecelo, ironizan.
Por unha cuestión de hixiene democrática, é urxente que a alcaldesa de Bergondo e o alcalde de Betanzos, ambos do PSOE, dean explicacións públicas xa para evitar a sensación de corrupción xeneralizada na nosa comarca
O voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río, recordou que Viaqua-Aquagest tan só pagará este ano ao Concello, segundo cifras do PSOE, 3500 euros pola xestión do servizo de subministro de auga e 300 euros polo servizo de saneamento. Obras, bombeos e mesmo o local para que faga negocio pagámolo toda a veciñanza a cambio de que, polo que se desprende do sumario, o PSOE faga clientelismo ofrecendo postos de traballo aos amigos, denuncian os nacionalistas. Os cartos de todas e todos non se poden usar para facer amiguismo, advirte Del Río.
O PSOE dá moitas leccións pero logo non se acorda daquilo de que a muller do César ademais de ser honrada ten que parecelo'
Os nacionalistas recordan que en Betanzos propuxeron a remunicipalización dos servizos básicos. No caso da auga hai 2 meses que levamos o tema ao Pleno e nada de nada, xa se ve o interese que teñen no tema desde o goberno local denuncia o edil nacionalista. Remunicipalizar a auga sería a maneira de dar un servizo mellor para a veciñanza, máis económico e evitar estas corruptelas engade.
Desde o BNG recordan que a traída e o saneamento teñen prezos cada vez máis caros e servizos cada vez peores porque o goberno consinte e colabora en que a empresa manteña a súa marxe de beneficios por riba de calquera outra consideración. O goberno local non fai nada para obrigar a estas empresas a dar un servizo de calidade porque están máis preocupados en atender outros intereses, vender favores e facer clientelismo cos cartos de todas e todos a costa dos servizos públicos, denuncian ambos representantes nacionalistas.