Inauguramos unha mostra sobre publicidade sexista no Edificio Arquivo-Liceo
A mostra clausurarase cun coloquio sobre publicidade sexista con Noa Presas. O Pleno de Betanzos debaterá de novo sobre a violencia machista e o feminicidio a instancia das nacionalistas.
Betanzos, 28 de novembro de 2016. O BNG das Mariñas organiza un encontro aberto sobre o sexismo na publicidade o vindeiro venres día 2 de decembro no salón azul do edificio Liceo en Betanzos ás 20 h. No acto participará Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento Galego e responsábel da comisión de acción feminista do BNG.
Esta actividade encadrase na campaña do BNG arredor do 25 de novembro día internacional contra a violencia machista. “O encontro consiste un video-forum coa proxección de videos publicitarios e un debate entre as persoas asistentes sobre o machismo na publicidade e nos medios de comunicación”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López.
Ademais partir de esta tarde as nacionalistas montarán tamén unha pequena exposición para ilustrar o tema e mover a reflexión no mesmo edificio Liceo que consistirá en imaxes publicitarias de contido sexista.
O Pleno de Betanzos debaterá de novo sobre a violencia machista e o feminicidio a instancia do BNG
As nacionalistas levarán a Pleno unha moción a prol da ampliación da acreditación por violencia machista, da creación do estatuto do feminicidio e da toma de medidas contra as consecuencias sorbe as mulleres da desigualdade económica. “Queda moito por facer e a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política para todos os espazos da actividade política e social”, explicou o portavoz do BNG en Betanzos, Henrique del Río. “Corresponde á Administración local, por ser a institución máis próxima á veciñanza converterse nunha referencia para o combate deste problema e presionar para que se avance no recoñecemento das realidades de violencia machista e na súa prevención”, engadiu.
O BNG xa presentou esta moción noutros concellos da comarca e foi aprobado polo Pleno como nos casos de Coirós ou Oza ou está pendente de debate.