O BNG organiza nas Mariñas un ciclo de cinema feminista
O BNG organiza un ciclo de cinema feminista nas Mariñas. Con esta actividade buscamos concienciar á veciñanza sobre a desigualdade e a violencia en todos os aspectos da vida das mulleres.
Betanzos, 13 de decembro de 2014. O BNG organiza un ciclo de cinema feminista nas Mariñas. Con esta actividade buscamos concienciar á veciñanza sobre a desigualdade e a violencia en todos os aspectos da vida das mulleres. A violencia contra as mulleres non é só unha paliza ou un feito puntual senón que está presente en todos os aspectos da nosa sociedade, explicou Cristina López, responsábel do BNG das Mariñas.
O luns 15 no local social da rúa en Miño proxectarase a curta Maoría oprimida que presentará Olalha Lopes. O ciclo continuará o martes 16 de decembro na librería Biblos en Betanzos coa curta 10 cm máis preto do ceo de Raquel Rei, que presentará Goretti Sanmartín. O peche será o sábado día 20 en Bergondo, no local social de Guísamo coa curta o soño imposíbel que presentará Victoria Louro, responsábel de acción feminista do BNG da Coruña.
Pensamos que actividades coma estas que permitan o debate entre as propias mulleres e que conciencien á sociedade sobre a violencia e a desigualdade presente en todos os aspectos son moi necesarias, explicou Cristina López, quen aproveitou para convidar a todas a veciñanza da comarca a asistir e participar facendo propostas que permitan avanzar na igualdade.
Pensamos que actividades coma estas que permitan o debate entre as propias mulleres e que conciencien á sociedade sobre a violencia e a desigualdade presente en todos os aspectos son moi necesarias
Facer un acto unha vez no ano coincidindo co 25 de novembro non é suficiente para concienciar á sociedade da desigualdade que provoca os actos extremos de violencia que estamos vendo a diario. Desde o BNG intentamos poñer o noso gran de area na loita de moitas mulleres e colectivos feministas por concienciar desde a base á sociedade para promover cambios reais, concluíu a responsábel do BNG das Mariñas.