Demandamos aos concellos informacion sobre o trazado da nova liña de alta tensión
O BNG dos concellos afectados pola proposta de subestación e trazado da liña de alta tensión, que se establecería en Abegondo e afectaría aos concellos de Abegondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Carral, Cambre, Culleredo, Arteixo e A Coruña, demandaron dos concellos información á veciñanza sobre os trazados propostos polo Ministerio.
A Coruña, 19 de novembro de 2016. O BNG dos concellos afectados pola proposta de subestación e trazado da liña de alta tensión, que se establecería en Abegondo e afectaría aos concellos de Abegondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Carral, Cambre, Cerceda, Culleredo, Arteixo, Oleiros e A Coruña, demandaron dos concellos información á veciñanza sobre os trazados propostos polo Ministerio.
“A día de hoxe, cando xa rematou o trámite de consulta do proxecto, seguimos sen saber a información que manexan o gobernos locais ou cal é a súa postura ante unha obra que afectará a numerosos elementos do noso patrimonio natural e arqueolóxico, pois non se transmitiu ningún tipo de información á veciñanza nin aos grupos da oposición”, explicaron os portavoces nacionalistas. “Descoñecemos incluso se o concellos presentaron algún tipo alegacións ao proxecto, agás no caso de Abegondo, que segundo informaron na prensa presentaron alegacións despois de reunirse coa veciñanza”.
Os voceiros nacionalistas solicitaron que se transmita dende os concellos á veciñanza a información da que dispón e que se informe das repercusións que pode ter esta liña de alta tensión, tanto ambientais como urbanísticas. “Ven de rematar o trámite de consulta previa á avaliación ambiental e pensamos que o mínimo tería sido dar conta nos Plenos e informar a todos os grupos políticos e á veciñanza porque o que se persigue con este trámite e dar participación aos concellos non aos alcaldes ou aos grupos de goberno”, engadiron.
“A día de hoxe, cando xa rematou o trámite de consulta do proxecto, seguimos sen saber a información que manexan o gobernos locais ou cal é a súa postura ante unha obra que afectará a numerosos elementos do noso patrimonio natural e arqueolóxico, pois non se transmitiu ningún tipo de información á veciñanza nin aos grupos da oposición”
Dende o BNG lamentaron o ‘secretismo’ diante dun proxecto desta envergadura que prevé a instalación dunha subestación no Concello de Abegondo, na parroquia de Folgoso, e de torretas de alta tensión que poden alcanzar os 71 metros de altura entre As Pontes e o Mesón do Bento e os 61 metros desde o Mesón do Bento até a Coruña e que só iría soterrada na entrada a cidade pola Zapateira, co impacto medioambiental e visual que isto supón. “Trátase dunha área que está en plena reserva da Biosfera e que afecta a zonas dentro da rede natura como o encoro de Cecebre ou o Monte Xalo que é unha área de especial interese paisaxístico, identificada como tal no Catálogo das paisaxes de Galiza”, explicaron os nacionalistas.
“Estamos estudando en profundidade o proxecto para realizar as nosas alegacións no período de avaliación ambiental e imos realizar xuntanzas informativas sobre o estado deste proxecto e as súas implicacións e alternativas”, indicaron dende o BNG, “por suposto estamos a favor de que se garanta o subministro eléctrico á cidade da Coruña e ás comarcas afectadas, mais pensamos que é necesario que se escoite aos veciños e veciñas e se busquen as alternativas que poidan ter un menor impacto no noso medio e patrimonio”, concluíron.