MUNICIPAIS 2015

O BNG celebrou onte un encontro centrado na participación das mulleres

Candidatas do BNG-AA nas Mariñas

O BNG-Asembleas abertas celebrou hoxe un encontro aberto centrado na importancia da participación feminina para levar a cabo un cambio real.

O BNG celebrou onte un encontro centrado na participación das mulleres

Miño, 17 de maio de 2015. O BNG-Asembleas abertas celebrou hoxe un encontro aberto centrado na importancia da participación feminina para levar a cabo un cambio real. No encontro interviñeron ademais de Olalla Barro, mulleres que participan no grupo do BNG-Asembleas abertas de Miño e outras mulleres candidatas da comarca como Estefanía Busto, candidata á alcaldía de Oza e Cesuras ou Pura Ferreño, candidata á alcaldía de Coirós.

“A participación política das mulleres é símbolo do cambio profundo, dese outro Miño que queremos construír porque nós facemos políticas desde outro lugar”, explicou a candidata do BNG-Asembleas abertas, Olalla Barro. “Cremos en cambiar as cousas empezando por nós mesmas e abandonar as formas masculinas de entender a política como unha carreira persoal para construír desde a colaboración e o traballo en grupo”.

“Ningún cambio é posíbel senón parte doutra visión da sociedade, non se pode cambiar nada se excluímos máis do 50% da poboación e todo o que a visión feminina representa”, engadiu Barro, “a participación política das mulleres é en sí mesmo un acto de rebeldía, xa que a política hoxe está pensada por homes e para homes”.

“É complicadísimo que unha muller poida participar dunha campaña electoral, con pegadas as doce da noite e mitíns todas as noites. Son uns horarios incompatíbeis coa maternidade ou coa xornada laboral actual”, concluíu.

As nacionalistas fixeron un chamamento “á participación feminina non un día senón todos os días para cambiar desde o máis próximo o mundo, para facer un mundo máis xusto que conte con nós”.

Propostas en materia de igualdade

Desde o BNG-Asembleas abertas defenden a elaboración de Plans de Igualdade desde os Concellos que partan dunha avaliación inicial da situación e conten con reflexo nos orzamentos. “A igualdade debe ser un tema transversal que se teña en conta en todas as políticas que se leven a cabo desde os Concellos. A visión e necesidades das mulleres teñen que ser tidas en conta, xa está ben de facer políticas centradas en homes novos e excluir a visión doutros colectivos como as mulleres, anciáns ou as persoas con problemas de mobilidade”, explicou Olalla Barro.

“Deixaremos de financiar con cartos públicos actividades que perpetúan os roles de xénero como as raíñas das festas e dotaremos de financiamento obradoiros para promover a igualdade nos colexios e institutos. A educación é a base para mudar as cousas”, concluíu.

O BNG celebrou onte un encontro centrado na participación das mulleres