O BNG reclama no Parlamento melloras no servizo de pediatría e matrona nas Mariñas
O BNG acaba de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego pedindo melloras no servizo de pediatría e matrona nas Mariñas. Xa presentamos emendas nos orzamentos da Xunta dos últimos 3 anos e algunha iniciativa en casos concretos coma o de Oza dos Ríos, mais trátase dun problema que lonxe de solucionarse empeora e que afecta a case todos os concellos da comarca
Betanzos, 8 de abril de 2016. O BNG acaba de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego pedindo melloras no servizo de pediatría e matrona nas Mariñas. Xa presentamos emendas nos orzamentos da Xunta dos últimos 3 anos e algunha iniciativa en casos concretos coma o de Oza dos Ríos, mais trátase dun problema que lonxe de solucionarse empeora e que afecta a case todos os concellos da comarca, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López.
As prestacións do Servizo Galego de Saúde na atención primaria á infancia na comarca das Mariñas, dependente da área sanitaria coruñesa, son precarias. O servizo actualmente está a ser emprestado mediante profesionais que rotan polos distintos centros de saúde da comarca na maioría dos casos cuns horarios insuficientes para garantir un servizo digno, engadiu, ademais o transporte público para desprazarse dun centro de saúde a outro para recibir esta atención é, na maioría dos casos inexistente.
Segundo o BNG a situación empeora coas vacacións das persoas titulares das prazas xa que non se cobren as baixas no servizo de matrona durante as vacacións e permisos, polo que o servizo fica desatendido obrigando a adiar citas e revisións. Ademais, no centro de saúde de Betanzos é a matrona quen administra a vacina da tosferina ás mulleres embarazadas, ao non ser administrada sen causa motivada- polo servizo de enfermaría, engadiron as nacionalistas.
As prestacións do Servizo Galego de Saúde na atención primaria á infancia na comarca das Mariñas, dependente da área sanitaria coruñesa, son precarias. O transporte público para desprazarse dun centro de saúde a outro para recibir esta atención é, na maioría dos casos inexistente
Ademais o grupo nacionalista nas súas iniciativas referiuse tamén ao estado no que se atopan os propios centros de saúde da comarca, moitos deles con problemas de humidades e goteiras e aos que non se lles practica o obrigado mantemento para garantir unhas condicións adecuadas.
Por todo isto desde o BNG, reclamaron á Xunta de Galiza que incremente o cadro de persoal dos servizos de pediatría e matrona nos centros de saúde da comarca das Mariñas o que suporía incrementar os días e horas de atención dos devanditos servizos. En caso de que se proceda á mellora dos servizos, con que dotacións e en que prazos?, preguntaron.
Segundo o BNG con estas actuacións contribuiríase a evitar o colapso das urxencias do Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña. As nacionalistas demandaron tamén melloras para facilitar a mobilidade cara os centros de saúde a fin de facilitar á veciñanza o seu acceso a estes servizos sanitarios, así como que subsane as deficiencias e o deterioro nas instalacións.