Lamentamos que os orzamentos da Xunta adíen un ano máis a solución ao grave problema de contaminación que padece a ría de Betanzos
"Non hai fondos para os centros de día de Betanzos ou de Miño, malia o recente acordo parlamentario para abrilo xa. Tampouco para a mellora dos centros de atención primaria na comarca, nin para mellorar o servizo de pediatría". As nacionalistas censuran que as contas do PP deixen novamente sen cartos a rehabilitación do parque do Pasatempo
Betanzos, 23 de outubro de 2018. O BNG lamentou que os orzamentos da Xunta "adíen un ano máis a solución ao grave problema de contaminación que padece a ría de Betanzos". Para as nacionalistas, os 150 000 euros para actuacións de saneamento e depuración en Betanzos e Paderne "non son, nin de lonxe, suficientes para poñer fin aos vertidos de augas fecais e industriais que padece a ría practicamente a diario". A responsábel do BNG na comarca das Mariñas, Cristina López, recordou a este respecto que "o saneamento da ría tiña que estar rematado na súa totalidade ao acabar 2015 e vemos que tampouco será en 2019 cando se finalice”.
Para o BNG, as contas tampouco solucionan os problemas en servizos básicos que a comarca ten. "Nin o ensino, nin a sanidade nin os servizos de benestar contan con partidas específicas para a comarca nestas contas", explica López. "Non hai fondos para os centros de día de Betanzos ou de Miño, malia o recente acordo parlamentario para abrilo xa", indica. "Tampouco para a mellora dos centros de atención primaria na comarca, nin para mellorar o servizo de pediatría" relata.
"O PP esquece tamén investimentos clave no ensino público, como a mellora do colexio de Aranga, o mantemento das escolas unitarias ou o remate da reforma no CEIP Vales Villamarín que atende tres concellos", resalta. Desde o BNG cuestionan que tampouco haxa cartos para rematar a reforma integral que precisa o CEIP Vales Villamarín ou para convertir o aulario do Pasatempo nun centro de educación infantil independente. "Estes servizos son esenciais para manter poboación nunha comarca como a nosa e mitigar as diferenzas de renda", advirte.
Sen partida para a rehabilitación do Pasatempo
As nacionalistas censuran que as contas do PP deixen novamente sen cartos a rehabilitación do parque do Pasatempo. “O PP fartouse de demandar a declaración BIC do parque, de garantir apoios que non chegan e á hora da verdade evita poñer cartos para manter un patrimonio que a súa xestión e a do PSOE puxo ao bordo do colapso", explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Neste sentido, o BNG advirte que "non vemos por ningún lado nos orzamentos os 2 millóns de euros que o PP anuncia para as casas que ten a Xunta no Casco Histórico". "Non nos dan os números coas cifras e o reparto que os orzamentos prevén" advirte o edil nacionalista.
Por este motivo, as nacionalistas traballan xa nas emendas que presentarán ás contas para atender as necesidades da comarca. A tal fin, recollerán as propostas da veciñanza.