Reclamamos no Parlamento a reforma do colexio da Castellana
No pasado martes, o BNG facía públicas as súas propostas de emenda aos orzamentos da Xunta para os concellos da comarca, entre eles o de Aranga, onde as nacionalistas reclamaron á Xunta cartos públicos para a reforma do CEIP da Castellana, cuxo edificio principal acumula xa máis de 40 anos sen apenas reformas
Aranga, 24 de novembro. No pasado martes, o BNG facía públicas as súas propostas de emenda aos orzamentos da Xunta para os concellos da comarca, entre eles o de Aranga, onde as nacionalistas reclamaron á Xunta cartos públicos para a reforma do CEIP da Castellana, cuxo edificio principal acumula xa máis de 40 anos sen apenas reformas. “O colexio está bastante deteriorado, porque desde a súa inauguración aló polos setenta as obras de reforma foron apenas testemuñais”, informa o portavoz municipal en Aranga, Carlos Díaz.
Nese sentido, declara Díaz, esta emenda do BNG aos orzamentos busca asegurar un investimento concreto para obras urxentes de acondicionamento e reforma no colexio da Castellana, especialmente na substitución de xanelas ou na pintura das paredes exteriores. O grupo nacionalista faise eco nesta emenda, por outro lado, das peticións das familias, que reclaman desde hai tempo un mellor acondicionamento do patio cuberto.
“As queixas polo estado do colexio son frecuentes e en inverno o patio non supón unha protección contra o vento e a choiva. O peche dese patio cuberto faría que o centro contase cun espazo exterior para o recreo moito máis axeitado”, afirmaba Carlos Díaz.
O BNG de Aranga denuncia como “ano tras ano, a Xunta do PP non fai investimentos en materia educativa en Aranga” e defenden que a súa emenda tería efectos positivos inmediatos, redundado ademais na totalidade do Concello, ao tratarse da única institución educativa en Aranga.