Patricia Cordo será a candidata do BNG á alcaldía de Aranga
A candidata do BNG comprometeuse a defender os intereses da veciñanza de Aranga en contra das grandes empresas do oligopolio eléctrico e outros proxectos empresariais que atentan contra o noso patrimonio natural e cultural.
Aranga, 6 de marzo de 2023.- Patricia Cordo foi elixida candidata do BNG á alcaldía de Aranga para as vindeiras eleccións municipais de maio. Patricia é dunha familia da aldea de Boqueixón, na parroquia de Fervenzas. “O BNG presentase cun proxecto pensado para abrir o concello á veciñanza, rematar coa política clientelar do PP e democratizar o noso concello”, afirmou a candidata nacionalista.
“Presentámonos con ganas e ilusión para rematar cun goberno do Partido Popular que non cre no rural deste País e que está deixando esmorecer o noso concello, do mesmo modo que todos os concellos rurais da comarca, por falta de proxectos e de crer nas nosas posibilidades”, engadiu Cordo.
“No BNG cremos que temos futuro se cremos en nós mesmas e nas nosas potencialidades e estámolo demostrando noutros concellos rurais coma o noso como San Sadurniño, Moeche ou Mazaricos. Os gobernos BNG son a nosa mellor carta de presentación”, indicou a candidata do BNG. Patricia Cordo comprometeuse a defender os intereses da veciñanza de Aranga en contra das grandes empresas do oligopolio eléctrico e outros proxectos empresariais que atentan contra o noso patrimonio natural e cultural.
Desde o BNG convidaron a toda a veciñanza a sumarse ao seu grupo de traballo que con ilusión e propostas concretas propón un cambio real para o concello. “No BNG temos un modelo de concello que sabemos que é o cambio que Aranga precisa, para deixar de ser un concello do rural que perde poboación e carece de servizos e pasar a ser un concello dinámico e con proxectos novidosos”, concluíu a candidata nacionalista.