O BNG presentou alegacións ao proxecto do Parque Eólico Gato entre os concellos de Oza-Cesuras e Aranga
Nunha área de menos de 5 quilómetros prevese a construción de 6 parques eólicos: o P.E. Gato, o P.E. Seselle, o P.E. Fontella, o P.E Penas Boas, P.E Feás e o P.E Felga. É obvio que se trata dun único macroparque eólico e polo tanto solicitamos que se reclame un Estudo de Impacto Ambiental conxunto para estes 6 parques que estude os efectos reais que a instalación dos 40 aeroxeneradores vai ter sobre o medio, o patrimonio e a veciñanza destes concellos
Actualmente está en tramitación, no trámite previo ao EIA outro parque eólico entre o mesmo concello de Oza-Cesuras e o de Mesía, o PE Legre a menos de 15 quilómetros deste e que se obvia no Estudo Sinérxico
Betanzos, 12 de abril de 2021. O BNG presentou alegacións ao proxecto do Parque Eólico Gato entre os concellos de Oza-Cesuras e Aranga. “Trátase do Estudo de Impacto Ambiental dun Parque eólico de 6 aeroxeneradores, un total de 25,2 MW, os seis instalados no concello de Oza-Cesuras e unha subestación, compartida cos PE Felga e PE Penas Boas, e unha torre meteorolóxica”, explicaron desde o BNG.
“Nunha área de menos de 5 quilómetros prevese a construción de 6 parques eólicos: o P.E. Gato, o P.E. Seselle, o P.E. Fontella, o P.E Penas Boas, P.E Feás e o P.E Felga, ademais deste outros dous destes parques se (P.E. Felga e Penas Boas) son promovidos pola mesma empresa que este: Greenalia e comparten subestación e liñas de evacuación da enerxia”, engadiron. “É obvio que se trata dun único macroparque eólico e polo tanto solicitamos que se reclame un Estudo de Impacto Ambiental conxunto para estes 6 parques que estude os efectos reais que a instalación dos 40 aeroxeneradores vai ter sobre o medio, o patrimonio e a veciñanza destes concellos”, reclaramaron.
Un estudo de sinerxias que carece de validez
“Na Avaliación de efectos sinérxicos, recóllense os parques en tramitación e en explotación nun área de 5 quilómetros do PE Gato, non se especifica con que criterio se delimita esta distancia do parque obxecto de Estudo. Actualmente está en tramitación, no trámite previo ao EIA outro parque eólico entre o mesmo concello de Oza-Cesuras e o de Mesía, o PE Legre a menos de 15 quilómetros deste e que se obvia no Estudo Sinérxico”, criticaron desde o BNG. “Trátase pois dun estudo de sinerxías que non recolle a realidade do conxunto de aeroxeneradores e estruturas de almacenamento e evacuación da enerxía que se pretende instalar e que polo tanto non ten validez como tal”.
Impacto sobre a Necrópole megalítica
“No Monte do Gato atópase unha gran necrópole megalítica formada por 29 mámoas catalogadas e dous petróglifos. Dentro do ámbito de estudo encóntranse 24 elementos patrimoniais, sobre 17 deles o impacto é severo e sobre outros 5 moderado”, criticaron os nacionalistas.
Segundo o catálogo de patrimonio do PXOM do concello de Aranga, na parroquia de San Vicente de Fervenzas no Monte do Gato atópase un BIC, a Torre de Teodomiro, que non se contempla nin no anexo de impacto turístico nin no anexo de impacto sobre o patrimonio cultural nin no propio Estudo de Impacto Ambiental. Solicitamos polo tanto que se localice e protexa este BIC así como a súa área e se poña en valor como corresponde.
Afectación ás Brañas do Deo
“Os accesos á maquina 6 afectan directamente ás Brañas do Deo ampliación da Rede Natura 2000 e zona núcleo da Reserva da Biosfera As Mariñas coruñesas – terras do Mandeo. Aínda que segundo o estudo o único que se vai facer vai ser asfaltar a pista e polo tanto é compatíbel coa conservación deste ben natural, en realidade é obvio que o ancho desta pista existente non é abondo para o acceso coa maquinaria necesaria para transportar as estruturas dos eólicos”, engadiron desde o BNG.
Incoherencias no que se refire ás distancias ás vivendas