O BNG pide que os concellos afectados polos proxectos eólicos do Monte do Gato se posicionen en contra e reclamen un modelo de xestión pública dos recursos
“Pedimos que os concellos esixan da Xunta de Galiza un estudo de impacto conxunto dos 6 parques eólicos que se encontran en tramitación no Monte do Gato, así como das liñas de evacuación e subestacións asociadas a eles como xa solicitamos nas alegacións que como BNG presentamos aos proxectos que pasaron o período de exposición pública”
Desde o BNG esixiron tamén aos concellos que expliquen á veciñanza en que consisten os proxectos en tramitación e faciliten asesoramento ás persoas afectadas
Betanzos, 11 de abril de 2021. O BNG presentou unha moción nos concellos afectados polos proxectos eólicos do Monte do Gato -Coirós, Aranga e Oza-Cesuras- pedindo que os Plenos dos concellos se posicionen en contra dos proxectos eólicos como están concibidos. “Pedimos tamén que os concellos esixan da Xunta de Galiza un estudo de impacto conxunto dos 6 parques eólicos que se encontran en tramitación no Monte do Gato, así como das liñas de evacuación e subestacións asociadas a eles como xa solicitamos nas alegacións que como BNG presentamos aos proxectos que pasaron o período de exposición pública”, explicaron desde o BNG.
Na nosa comarca estanse tramitando neste momento os proxectos para a instalación de 6 Parques Eólicos na Area de desenvolvemento eólico do Monte do Gato, un total de 40 aeroxeneradores. “A tramitación estase levando a cabo cunha total e absoluta falta de transparencia e de participación. Unha situación agravada pola dificultade de acceder á documentación e para socializala debido ás restricións de mobilidade e de reunión provocadas pola pandemia da COVID-19”, explicaron desde o BNG. “Por iso pedimos tamén aos concellos que expliquen á veciñanza en que consisten os proxectos en tramitación e faciliten asesoramento ás persoas afectadas”, engadiron.
“Esta explosión de parques eólicos non se está a levar a cabo tendo en conta as necesidades do país, os intereses das comunidades locais, a protección do territorio e o medio e a compatibilidade con actividades socioeconómicas propias da contorna. Pola contra, prevalecen os intereses de grandes grupos económicos que teñen unha visión puramente depredadora e extractivista dos recursos, do mesmo xeito que ocorre con outros sectores estratéxicos como o forestal ou o mineiro”, criticaron os nacionalistas.
Desde o BNG propoñen tamén aos concellos que reclamen da Xunta mudanzas normativas para garantir o respecto polo medio e o patrimonio e o interese e repercusión pública nestes proxectos. O Desenvolvemento de figuras de ordenación e protección do territorio, salvagardando espazos de alto interese ambiental, a creación dunha empresa publica galega de enerxía, coa participación da Xunta e concellos nos parques e das persoas propietarias das terras comunidades de montes, propiedades agrogandeiras, de maneira que xere rendas complementarias. Ou o fomento da economía social e da soberanía enerxética son algunas das propostas dos nacionalistas.
Por máis que se trate de enerxías renovábeis, a realidade é que non son inocuas, xa que causan diversos impactos no medio natural, nos modos de vida e nos usos do solo que varían en función das localizacións dos parques. “Desde o BNG apostamos de maneira decidida polas enerxías renovábeis como a eólica, se ben entendemos que a enerxía debe ser considerada como un ben público galego, e os seus beneficios deben repercutir no conxunto do pais e nos territorios onde se xera non os intereses das grandes empresas. Para iso defendemos a participación publica galega na planificación e desenvolvemento do sector enerxético en xeral e do eólico en particular”, concluíron.