Néstor Rego avanza novas iniciativas para urxir ao Goberno do Estado a construción do baipass ferroviario en Betanzos
A obra permitiría reducir considerabelmente o tempo de duración do tramo ferroviario entre Coruña e Ferrol. BNG defende a modernización da vía ferroviaria entre Betanzos, A Coruña e Ferrol como medio de transporte de proximidade sustentábel co medio ambiente e que permitiría artellar unha mellor comunicación no Golfo Ártabro.
Betanzos, 5 de abril de 2021. O deputado do BNG, Néstor Rego, reclamou na Estación de ferrocarril Betanzos-Infesta a construción do baipass ferroviario despois de que o goberno do Estado rexeitase as emendas presentadas pola formación nacionalista aos Orzamentos Xerais do Estado, e que anunciara que non vai executar sequera os 128.000 euros previstos para o 2021 por non consideralo unha prioridade. Rego estivo acompañado polos voceiros municipais do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, en Ferrol, Iván Rivas, e A Coruña, Francisco Jorquera.
A organización nacionalista visitou a instalacións da estación de ferrocarril Betanzos-Infesta onde as vías non tiveron modificacións substanciais desde a súa construción hai máis de cen anos, en 1913. “Nesta liña tárdase practicamente o dobre- 80 minutos- indo en tren que facendo o mesmo traxecto en coche. Trátase dunha vía mal deseñada xa que parte dunha visión centralista de conexión Ferrol coa meseta mais non a comunicación entre dúas das cidades galegas máis importantes como A Coruña ou Ferrol” explicou o deputado mentres sinalaba a perda de tempo que supón non ter un baipass en Betanzos que permita unha maior fluidez do tráfico ferroviario.
Así mesmo, Rego lembrou que o BNG presentara emendas, nos Orzamentos Xerais do Estado, tanto para a construción do baipass, de 20 millóns de euros, como para iniciar os traballos de modernización da liña Ferrol-A Coruña-Betanzos, de 10 millóns de euros. PSOE e UP rexeitaron as emendas e, na actualidade, os OXE só mantén a cantidade “ridícula” de 128 mil euros que permitiría comezar as obras da infraestrutura, mais que o Goberno xa anunciou que non ten intención de executar.
“O que nos atopamos é que o Secretario de Estado de Infraestruturas recentemente anunciou que esta non era unha prioridade e, polo tanto, que esta obra non se ía facer aínda” recriminou Rego. Neste sentido, o deputado nacionalista avanzou novas iniciativas no Congreso para urxir ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a “actuar e facelo xa porque esta obra é perfectamente asumíbel dentro dos orzamentos do Ministerio- con independencia de que non haxa unha partida específica- mais si partidas xenéricas que se poden destinar a este fin”. Rego afirmou que é unha obra “absolutamente necesaria” para reducir o tempo e que o transporte ferroviario entre Ferrol e A Coruña “fose máis atraente” e gañase usuarias e usuarios.
Pular por un medio de transporte sustentábel
A formación nacionalista aposta pola conexión ferroviaria entre as principais vilas e cidades do país porque “é un medio de transporte sustentábel. O deputado recriminou que o executivo español “ten abandonadas as infraestruturas ferroviarias, particularmente as de conexión interior e este é un exemplo dos máis evidentes mais é un caso que se debe resolver canto antes. Mentres no resto do Estado o Goberno inviste para modernizar o transporte de proximidade, tanto de transporte como de viaxeiros, na Galiza non existen aínda conexións entre as diferentes cidades, mais para o Ministerio segue sen ser unha prioridade”.
Pola súa banda, a voceira do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, destacou a oportunidade que se pode xerar coa construción do baipass, constituíndo unha “liña de transporte público alternativo, de calidade e, ao mesmo tempo, sustentábel e ecolóxico”. A obra tamén permitiría que a veciñanza de Betanzos se puidese comunicar “tanto coa Coruña como Ferrol dunha maneira viábel e nun tempo factíbel”.
Artellar o Golfo Ártabro
Para o voceiro municipal do BNG no concello da Coruña, Francisco Jorquera, é precisa a construción desta infraestrutura para a “futura implantación de servizos de proximidade que contribúan a artellar toda a zona”. Esta liña, ademais de Ferrol-Betanzos-A Coruña tamén permitiría enlazar cos polígonos industrias e mesmo co centro da cidade coruñesa pola conexión ferroviaria do porto”.
“A obra debera, ademais de construír o baipass de Betanzos, acometer a electrificación da liña, corrixir trazados sobre todo nas curvas máis pronunciadas e incrementar os puntos de cruce para que poidan ir trens nas dúas direccións.” enumerou Jorquera durante a súa intervención para atallar os problemas de mobilidade que posúe A Coruña.
Conexión Ferrol
O voceiro de Ferrol, Iván Rivas, apuntou a que o illamento que sofre a comarca de Ferrol débese a falta de vontade política por parte de PP e PSOE que “están sendo cómplices deste deseño centralista”. Así mesmo, incidiu na necesidade de reverter “esta dinámica que non se vai resolver mediante estudos senón con consignacións orzamentarias e que o alcalde de Ferrol debería estar exixindo”.