O BNG reclamou no Parlamento un Estudo de Impacto ambiental conxunto para os seis parques eólicos proxectados no Monte do Gato
Pediu tamén que se garanta a conservación e posta en valor da Necrópole Megalítica do Monte do Gato.
Desde o BNG lembraron que xa presentaron alegacións aos 4 destes 6 parques que até momento foron sometidos a información pública
Betanzos, 9 de Febreiro de 2021. O BNG reclamou no Parlamento un Estudo de Impacto ambiental conxunto para os seis parques eólicos proxectados no Monte do Gato. “Estes 6 parques eólicos, que supoñen a instalación dun total de 40 aeroxeneradores nunha área menor a 5 quilómetros e que nalgúns casos comparten accesos e mesmo instalacións”, explicou a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Mercedes Queixas.
“A fragmentación dun Parque Eólico é unha práctica fraudulenta cando se presenta un Estudo de Impacto Ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados, evitando unha avaliación global de todo o proxecto e das garantías esixibles, como recolle unha Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, polo tanto reclamamos á Xunta que esixa un novo estudo de impacto conxunto para dos 40 aeroxeneradores que se proxecta instalar”, engadiu Queixas.
Conservación e posta en valor da Necrópole Megalítica
“No Monte do Gato atópase unha gran necrópole megalítica formada por 17 mámoas catalogadas e dous petróglifos. Se ben, esta necrópole, que foi sinalizada no seu día, se atopa nunha situación de evidente abandono por parte das administracións que teñen a competencia sobre patrimonio e que teñen a obriga legal da súa conservación e posta en valor, nomeadamente da propia Xunta de Galiza, que ten a competencia exclusiva sobre o Patrimonio en Galiza, trátase dun importante ben patrimonial que é necesario conservar e poñer en valor”, explicou a deputada nacionalista.
Reserva da Biosfera
“Ademais, 9 dos aeroxeneradores do Parque Eólico Fontella atópanse dentro da zona núcleo da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo e afecta ademais, segundo o propio Estudo de Impacto Ambiental, a un hábitat de interese comunitario”, concluíu.