O BNG amosou a súa preocupación pola tramitación de cinco parques eólicos no Monte do Gato, entre os concellos de Coirós, Aranga e Oza-Cesuras
O BNG presentou alegacións á tramitación do Parque Eólico Felga, o primeiro destes cinco parques que estivo en exposición pública até o pasado 31 de decembro e anunciou que o fará tamén na tramitación dos outros parques eólicos para esixir que se valore conxuntamente o impacto destes 40 aeroxeneradores.
A nacionalista apelou a poñer no centro o interese público as garantías ambientais e o retorno económico e social da enerxía eólica e pediu que a instalación destes parques repercuta na factura da luz do conxunto da veciñanza dos concellos de Coirós, Aranga e Oza-Cesuras.
Betanzos, 2 de xaneiro de 2021. O BNG amosou a súa preocupación pola tramitación de cinco parques eólicos no Monte do Gato, entre os concellos de Coirós, Aranga e Oza-Cesuras. “A aprobación destes cinco parques eólicos suporá a instalación de 40 aeroxeneradores no Monte do Gato, sen embargo a tramitación estase levando a cabo en 5 proxectos independentes evitando así avaliar o verdadeiro impacto que o conxunto destes parques vai ter nos concellos afectados”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
Nesta liña, o BNG presentou alegacións á tramitación do Parque Eólico Felga, o primeiro destes cinco parques que estivo en exposición pública até o pasado 31 de decembro e anunciou que o fará tamén na tramitación dos outros parques eólicos para esixir que se valore conxuntamente o impacto destes 40 aeroxeneradores. “A fragmentación dun Parque Eólico é unha práctica fraudulenta cando se presenta un Estudo de Impacto Ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados, evitando unha avaliación global de todo o proxecto e das garantías esixibeis”, engadiu a responsábel do BNG.
O principio de precaución ao que debería responder a Declaración de Impacto Ambiental é o principio básico de evitar o mal, no canto de ter que combater a posteriori os efectos perniciosos dunha actividade polo tanto solicitamos que se reclame un EIA conxunto para estes 5 parques que estude os efectos reais que a instalación dos 40 aeroxeneradores vai ter sobre o medio, o patrimonio e a veciñanza destes concellos.
A instalación destes parques debe repercutir en beneficios para a veciñanza
A nacionalista apelou a poñer no centro o interese público as garantías ambientais e o retorno económico e social da enerxía eólica. Nesta liña lembrou que o concello de Muras é “un claro exemplo de como a enerxía eólica reverte en beneficio dos veciños e veciñas que ven abarato o prezo do recibo da luz” e pediu que a instalación destes parques repercuta na factura da luz do conxunto da veciñanza dos concellos de Coirós, Aranga e Oza-Cesuras.
Posta en valor da Necrópole megalítica
No Monte do Gato atópase unha gran necrópole megalítica e no Estudo de Impacto Ambiental do Parque Felga exponse como medida compensatoria a posta en marcha dun plan de rentabilización do Patrimonio de toda a Necrópole que inclúe a limpeza continuada no tempo dos túmulos que a integran e os seus accesos, así como a súa posta en valor mediante elementos didácticos que poderían ir desde cartelería e sinalización mediante fitos ata o desenvolvemento de aplicacións informáticas para dispositivos móbiles con contidos multimedia.