DENDE O BNG RECLAMARON DE NOVO INVESTIMENTO PARA REMATAR O SANEAMENTO NA RÍA DE BETANZOS E GARANTIR A CALIDADE DA AUGA NA MESMA
O BNG pediu investimento no Pasatempo e no Casco Histórico de Betanzos nas súas emendas aos orzamentos da Xunta
O presidente da Xunta prometeu o pasado ano que achegaría cartos para rehabilitación do Parque mais no orzamento para 2021 non reserva crédito para a posta en valor deste ben patrimonial. No BNG pedímoslle que cumpra a súa palabra cos veciños e veciñas de Betanzos”
Betanzos, 21 de decembro de 2020. O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para 2021 para os concellos das Mariñas, nas que inclúen unha petición de 2 millóns de euros para a rehabilitación do Parque histórico do Pasatempo. “O presidente da Xunta prometeu o pasado ano que achegaría cartos para rehabilitación do Parque mais no orzamento para 2021 non reserva crédito para a posta en valor deste ben patrimonial. No BNG pedímoslle que cumpra a súa palabra cos veciños e veciñas de Betanzos”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. “O Pasatempo precisa dunha intervención urxente e a escusa de que a propia Xunta aínda non redactou un plan rétor non nos parece de recibo, primeiro foi que estaban pendentes da declaración BIC e agora do plan rétor, a realidade é que o PP non ten interese ningún na rehabilitación do Pasatempo”, engadiu a nacionalista.
O BNG pediu tamén que se reserve crédito para a rehabilitación de vivendas no Casco Histórico de Betanzos. “O patrimonio é a oportunidade de futuro de Betanzos e polo tanto o goberno da Xunta ten que facer un esforzo por colaborar en poñelo en valor e mantelo en condicións”, explicou Queixas. “Na actualidade o IGVS e propietario de 17 vivendas no Casco histórico, e está pendente de resolver o concurso para facerse coa propiedade doutras 3. Desde o ano 2011 a Xunta rehabilitou 8 destas vivendas propiedade do IGVS como consecuencia máis da metade das vivendas adquiridas pola Xunta están en situación de abandono”, engadiu.
Saneamento da Ría de Betanzos
Dende o BNG reclamaron de novo investimento para rematar o saneamento na Ría de Betanzos e garantir a calidade da auga na mesma. “Como levamos anos reclamando é necesario aumentar o investimento en rematar o saneamento e depuración das augas que verten na Ría, xa que aínda temos concellos enteiros como Paderne que carecen de depuración. A pesar de que a Xunta recoñece nos seus informes a baixa calidade da auga e a situación preocupante en que se atopa a Ría non reserva un só euro para investir en poñerlle solución”, explicou a deputada do BNG.
Centro de Saúde de Abegondo e mellora dos servizos sanitarios
O BNG pediu que se reserve orzamento para a construción do novo centro de saúde en Abegondo que o goberno do PP leva anos prometendo. “No mes de marzo o conselleiro de sanidade naquel momento afirmou que habería orzamento neste ano para construír o centro de saúde, o caso é que no orzamento para 2021 a pesar das múltiples notas de prensa sobre o tema non reservan un só euro para a súa construción”, criticou Queixas
Pediu tamén que se reserve crédito para a mellora na contratación de persoal no centro de especialidades de Betanzos así como dotación de pediatras e mellora asistencial do servizo de pediatría na comarca. “Pedimos tamén orzamento para cubrir o patio do centro de saúde de Coirós para evitar que as veciñas e veciños teñan que mollarse para acceder ás consultas”, explicou Mercedes Queixas.
Centro de maiores e centro de día
Solicitaron tamén que se invista na rehabilitación do antigo sanatorio de Cesuras para convertelo nun centro de maiores, como se comprometera o presidente da Xunta no documento da fusión de concellos así como a posta en funcionamento do centro de día no antigo ambulatorio de Betanzos. “Na nosa comarca non hai unha soa praza de xeriátrico público e só 15 de centro de día no concello de Miño. Parécenos que é imprescindíbel que o goberno galego se comprometa dunha vez con sacar adiante estas infraestruturas básicas para a nosa veciñanza”, explicou a deputada do BNG.
Centros de ensino
Dende o BNG fixeron tamén fincapé nas necesidades educativas nas Mariñas solicitando de novo que se converta o aulario do CEIP Vales Villamarín nun colexio independente, que se repare e acondicione adecuadamente o edificio do CEIP da Castellana en Aranga ou que se inicie a construción dunha nova escola de educación infantil nas inmediacións do polígono de Bergondo.
Viveiro de empresas e centro de transformación agropecuaria
Os nacionalistas pediron tamén que se inclúa nos orzamentos un investimento para rehabilitación do edificio do antigo LIGAL en Bos en Bergondo para convertelo nun viveiro de empresas e un centro de transformación agropecuaria “para os pequenos produtores da nosa comarca”, concluíu a deputada do BNG.