O Parlamento debaterá o vindeiro día 29 unha iniciativa do BNG sobre os proxectos eólicos no Monte do Gato
Esta iniciativa saíu da visita que Mercedes Queixas e Luís Bará fixeron ao monte do Gato o pasado mes de febreiro. Esta tarde a deputada nacionalista, xunto con membros do BNG da comarca reuniranse con veciños afectados para dar conta destas iniciativas e avaliar posíbeis vías de actuación para o futuro.
Betanzos, 21 de abril de 2021. O Parlamento debaterá o vindeiro día 29 unha iniciativa do BNG para que se garanta a conservación e posta en valor da Necrópole Megalítica do Monte do Gato e se realice un estudo de impacto ambiental conxunto dos 6 parques eólicos que se pretende construír na zona.
“Esiximos un Estudo de Impacto ambiental conxunto destes 6 parques eólicos, que supoñen a instalación dun total de 40 aeroxeneradores nunha área menor a 5 quilómetros e que nalgúns casos comparten accesos e mesmo instalacións, polo que é obvio que se trata dun mesmo Parque que só se divide para saltarse as garantías ambientais”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
“Estes 6 parques eólicos van ter impacto sobre un importante ben patrimonial como é a Necrópole megalítica e un impacto ambiental, sobre zonas de ampliación da Rede Natura e núcleo da Reserva da Biosfera como as Brañas do Deo”, engadiu a deputada nacionalista.
“No Monte do Gato atópase unha gran necrópole megalítica formada por 29 mámoas catalogadas e dous petróglifos. Se ben, esta necrópole, que foi sinalizada no seu día, se atopa nunha situación de evidente abandono por parte das administracións que teñen a competencia sobre patrimonio e que teñen a obriga legal da súa conservación e posta en valor, nomeadamente da propia Xunta de Galiza, que ten a competencia exclusiva sobre o Patrimonio en Galiza”, engadiu Queixas.