O BNG traslada ao Parlamento os problemas de frecuencias e horarios nas liñas de autobús nas Mariñas e nas conexión coa Coruña e Ferrol
O BNG pediu que a Xunta atenda as demandas das persoas afectadas por estas reducións de frecuencias, que verifique que as empresas concesionarias están a cumprir as condicións das concesións e que se informe de horarios, frecuencias e paradas a través da bus.gal pero tamén nas marquesinas e paradas de bus
Betanzos, 28 de abril de 2021. O BNG traslada ao Parlamento os problemas de frecuencias e horarios nas liñas de autobús nas Mariñas e nas conexión coa Coruña e Ferrol. O BNG pediu que a Xunta atenda as demandas das persoas afectadas por estas reducións de frecuencias, que verifique que as empresas concesionarias están a cumprir as condicións das concesións e que se informe de horarios, frecuencias e paradas a través da bus.gal pero tamén nas marquesinas e paradas de bus.
“Desde a adxudicación dos novos contratos de transporte, o servizo de comunicación intercomarcal de autobuses sufriu un empeoramento na comarca das Mariñas, e as conexións coa Coruña e Ferrol, que leva meses provocando as queixas das persoas usuarias sen que, polo momento, fosen escoitadas as súas demandas nin se lles dese solución”, explicou a Deputada do BNG, Mercedes Queixas.
Desde o BNG explicaron que as modificacións nos contratos levou aparellada unha redución das frecuencias en moitos destes servizos, sobre todo nas fins de semana. “Ademais estes cambios e reducións de liñas, xunto coas mudanzas improvisadas de horarios, están provocando problemas para o estudantado do ensino non obrigatorio que utiliza o autobús para os seus desprazamentos a Betanzos ou á Coruña”, indicou Queixas.