Lamentamos que o goberno local se negase no Pleno a solicitar a adhesión de Paderne ao transporte metropolitano
O BNG lamentou que o goberno local se negase no Pleno a solicitar a adhesión de Paderne ao transporte metropolitano. “Coa escusa de que o goberno da Xunta, do PP vai levar a cabo un estudo sobre as necesidades do transporte o goberno local negouse a apoiar a nosa moción para que o concello de Paderne se adhira ao transporte metropolitano, que se debateu no Pleno a pasada semana”
Paderne, 14 de xuño de 2018. O BNG lamentou que o goberno local se negase no Pleno a solicitar a adhesión de Paderne ao transporte metropolitano. “Coa escusa de que o goberno da Xunta, do PP vai levar a cabo un estudo sobre as necesidades do transporte o goberno local negouse a apoiar a nosa moción para que o concello de Paderne se adhira ao transporte metropolitano, que se debateu no Pleno a pasada semana”, explicou o portavoz do BNG en Paderne, Manel Pérez.
“A inclusión de Paderne nas áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol, ademais de vantaxes tarifarias, a través da tarxeta metropolitana suporía que a mocidade podería solicitar a tarxeta xente nova, que é a tarxeta de transporte metropolitano de Galicia que permite realizar todas as viaxes interurbanas gratuítas para as persoas menores de 18 anos”, indicou o portavoz nacionalista. “Actualmente a xente nova de Miño ou Betanzos pode viaxar gratis no transporte metropolitano, mentres a mocidade de Paderne ten que pagar o billete sen ningún tipo de desconto”, engadiu.
Desde o BNG afirmaron que o transporte no concello de Paderne, sobre todo nas zonas interiores preto do concello é moi deficiente. “Recibimos continuas queixas sobre todo da mocidade sobre a calidade e os prezos do transporte público”, informou Pérez.
O Pleno aprobou por unanimidade amañar os parques infantís
No Pleno do pasado mes aprobouse tamén por unanimidade unha moción do BNG para que o goberno local amañe os parques infantís e as areas deportivas. “Os parques infantís municipais encóntranse nun mal estado de mantemento o que pode mesmo resultar perigoso para os nenos e nenas que fagan uso deles”, explicou o portavoz do BNG de Paderne Manel Pérez.
O alcalde afirmou no Pleno que non cobra ningún salario porque está xubilado
Diante do salario do alcalde, que é o máximo que permite a lei para concellos de até 5000 habitantes, o BNG pediu tamén no Pleno que o salario vaia acorde co traballo do alcalde e o tamaño do concello, especialmente en Paderne onde nin tan sequera se compren os servizos básicos que esixe a lei. “O alcalde respondeu que non cobra do Concello porque está xubilado”, explicou Manel Pérez, “está é a primeira noticia que temos xa que na última conta xeral aínda cobrara os case 40 mil euros de salario e non se modificou o acordo do Pleno sobre o salario”, concluíu o portavoz do BNG.