O BNG pide protexer a Necrópole Megalítica do Monte do Gato afectada polo proxecto de 6 parques eólicos

Mercedes Queixas, deputada do BNG
Mercedes Queixas, deputada do BNG
Mercedes Queixas urxe á Xunta a realizar un estudo de impacto ambiental “conxunto” dos seis parques  para garantir a conservación do túmulo funerario
O BNG pide protexer a Necrópole Megalítica do Monte do Gato afectada polo proxecto de 6 parques eólicos

Santiago de Compostela, 29 de marzo, 2021.  A deputada do BNG, Mercedes Queixas instou hoxe á Xunta a realizar un “estudo de impacto ambiental” para protexer a Necrópole Megalítica do Monte do Gato afectada polo proxecto de seis parques  eólicos.

A proposta do BNG foi rexeitada polo Partido popular.

Na súa intervención, Queixas explicou que os parques eólicos, “tres deles de GREENALIA e  tres de GALENERGY”,  proxectados no Monte do Gato entre os concellos de Coirós, Aranga e Oza-Cesuras acollerán un total de 40 aeroxeneradores.

A xuízo da deputada, os parques e liñas de evacuación requiren dun estudo conxunto dos efectos, tanto na veciñanza como no patrimonio cultural e natural da zona. Neste sentido, lembra que non foi avaliada esta afectación polo que reclamou sexan aceptadas as alegacións presentadas polo BNG,  dos veciños e veciñas e colectivos ecoloxistas para un estudo conxunto do impacto  “dun único parque eólico”.

A deputada denunciou que o proxecto non conta cun estudo de impacto natural e patrimonial completo e só atende  “ao proceso de execución da obra” e non  ás consecuencias entre as que destacou a perda de valor dos terreos, anulación da produtividade agrogandeira,valor paisaxístico e  riqueza patrimonial arqueolóxica.

Polo que se refire   ao patrimonio cultura os seis  parques teñen un forte impacto sobre a necrópole megalítica do Monte do Gato, formada por 29 mámoas catalogadas e dous petróglifos. Se ben, explicou a necrópole  foi sinalizada no seu día, na actualidade  atópase  nunha situación de “evidente abandono” por parte das administracións con  competencia sobre patrimonio e obriga legal para a  súa conservación e posta en valor.

O macro-parque eólico  afectará a 24 elementos patrimoniais, 17 deles cun impacto  severo, con viales que pasan a menos de 2 metros de mámoas catalogadas e isto só sería o resultado  do estudo de impacto dun dos seis parques sen ter en conta os outros cinco proxectados na zona ao que sumou  nin as liñas de evacuación de enerxía, contempladas  en proxectos separados.

A deputada do BNG explicou que o Estudo de impacto ambiental propón medidas compensatorias por parte dunha das empresas, ante a grave afección patrimonial que os proxectos representan, entre elas  a posta en marcha dun plan de rentabilización do Patrimonio da necrópole, limpeza continuada  dos túmulos que a integran,  posta en valor mediante elementos didácticos como  cartelería e sinalización e desenvolvemento de aplicacións informáticas para dispositivos móbiles con contidos multimedia pero non reflicten  “valoración económica nin prazos para a súa execución”. Por outra parte, a análise empresarial, engadiu a nacionalista, “ignora  a presenza do Castelo/torre Teodomiro, catalogado como BIC pola Dirección Xeral de  Patrimonio”.

Tras a intervención do popular Rodeiro Tato que xustificou legalmente  o proxecto eólico, a deputada do BNG preguntou si a Xunta está ao servizo da veciñanza e pola conservación do patrimonio ou ao servizo  de grandes empresas que se lucran co vento. Vostedes, dixo, “deixan á sociedade afectada indefensa” e “consenten e  promoven o beneficio  de empresas disfrazadas de econverde”.

 

A deputada sinalou que a Xunta “fragmenta os parques” incorrendo en  fraude de lei como constatan recentes  sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, noutros territorios galegos.

 

Os parques eólicos son un negocio moi lucrativo para os seus promotores e  empresas privadas e  dende o BNG, afirmou Queixas,  dicimos “eólicos si, pero non así”, dende o BNG apostamos pola “enerxía como ben público, sen espolios dos nosos recursos nin depredación do noso territorio”, sentenciou.

O BNG pide protexer a Necrópole Megalítica do Monte do Gato afectada polo proxecto de 6 parques eólicos