O BNG pediu hoxe o apoio do Pleno para a veciñanza afectada polos parques éolicos, ao que se negou o PP
O BNG pedía nesta moción que o concello se posicionase “en contra dos proxectos eólicos como están concibidos, e esixa da Xunta de Galiza un estudo de impacto conxunto dos 6 parques eólicos que se encontran en tramitación no Monte do Gato, así como das liñas de evacuación e subestacións asociadas a eles”.
O BNG pedía tamén na súa moción que o Concello explicara á veciñanza afectada en que consisten os proxectos en tramitación e lles facilitara asesoramento ás persoas afectadas
Oza-Cesuras, 29 de abril de 2021. O BNG lamentou que o PP votara en contra da moción presentada na que pedían que o concello se posicionase “en contra dos proxectos eólicos como están concibidos, e esixa da Xunta de Galiza un estudo de impacto conxunto dos 6 parques eólicos que se encontran en tramitación no Monte do Gato, así como das liñas de evacuación e subestacións asociadas a eles”.
O BNG pedía tamén na súa moción que o Concello explicara á veciñanza afectada en que consisten os proxectos en tramitación e lles facilitara asesoramento ás persoas afectadas. “O PP votou en contra da nosa proposta e o PSOE abstívose impedindo así que se aprobara”, explicou a portavoz do BNG, Estefanía Busto.
O alcalde e o grupo do PP converteu o Pleno nun esperpento, intentando improvisar alí unha declaración institucional sen un texto en concreto e pedíndonos ao resto dos grupos que retiraramos as nosas mocións. “Pedimos unha postura clara do goberno local. Se tiña intención de negociar unha declaración de todos os grupos tivemos o luns a comisión informativa do Pleno e ese era o momento de facer esta proposta, non improvisada no mesmo momento e sen uns acordos concretos”, criticou Busto.
Desde o BNG estamos dispostos a reunirnos e traballar sobre unha proposta concreta para intentar chegar a un acordo que paralice estes proxectos de parques eólicos que teñen un impacto tremendo no nosos concello. “Esperamos que o alcalde convoque o antes posíbel a Xunta de portavoces, como se comprometeu e traia un texto concreto sobre o que poidamos falar, cunha posición clara”, insistiu a portavoz do BNG. “Pedímoslle que deixe de xogar a confusión e se posicione claramente a favor da veciñanza afectada”, concluíu.
Mudanzas normativas para garantir o retorno social da enerxía eólica
Na súa moción o BNG pedía tamén que o concello de Oza reclamara da Xunta de Galiza unha serie de mudanzas normativas para garantir un retorno para a nosa veciñanza da produción de enerxía eólica e que se cambie este modelo que prioriza a produción e o negocio das grandes empresas por un modelo sostíbel e centrado nos nosos intereses.