O BNG denunciou que segue o proceso de degradación das Brañas do Deo, mentres a Xunta segue adiando a súa protección

Imaxe da visita ás Brañas do Deo
Imaxe da visita ás Brañas do Deo

“Estanse levando a cabo novas plantacións de eucalipto na zona da Braña de Portomoeiro, que forma parte do espazo natural das Brañas do Deo, e afectan ademais a varias mámoas do complexo de mámoas de Portomoeiro que forman parte da grande necrópole megalítica do Monte do Gato”

O BNG denunciou que segue o proceso de degradación das Brañas do Deo, mentres a Xunta segue adiando a súa protección

Aranga, 2 de xuño de 2022.- O BNG denunciou que segue o proceso de degradación das Brañas do Deo, mentres a Xunta segue adiando a súa protección. A deputada do BNG Mercedes Queixas e o deputado Luís Bará, xunto coa responsábel comarcal do BNG Cristina López e membros do BNG das Mariñas visitaron de novo a zona acompañados por representantes das plataformas en contra dos eólicos e colectivos ambientais da comarca.

O BNG denunciou novas plantacións de eucalipto neste entorno, zona núcleo da reserva da Biosfera e cualificada no propio PXOM de Aranga como zona de especial protección da natureza. “Estanse levando a cabo novas plantacións de eucalipto na zona da Braña de Portomoeiro, que forma parte do espazo natural das Brañas do Deo, e afectan ademais a varias mámoas do complexo de mámoas de Portomoeiro que forman parte da grande necrópole megalítica do Monte do Gato”, explicou a deputada nacionalista Mercedes Queixas. 

“Estas novas plantacións, claramente ilegais, contribúen a seguir no proceso de degradación deste espazo natural mentres a Xunta segue sen actuar para garantir a súa protección, tanto contra a eucaliptización da zona como contra os proxectos de parques eólicos que lle afectan directamente”, engadiu Queixas.

O deputado do BNG, Luís Bará, lembrou que o BNG xa presentou dúas iniciativas no Parlamento para garantir a conservación deste espazo natural. “As Brañas do Deo, estaban incluídas nas propostas de ampliación da Rede Natura de 2008 e 2012 que o goberno da Xunta non chegou a aprobar. Desde o BNG pedimos a ampliación da Rede Natura para protexer este humidal e mentres tanto que se adopten as medidas cautelares necesarias para impedir a súa degradación, que como vemos é unha necesidade urxente se queremos conservar un espazo de alto valor ecolóxico con hábitats prioritarios como o breixal atlántico”, indicou Bará. 

Desde o BNG anunciaron que rexistrarán unha nova iniciativa no Parlamento para esixir á Xunta que actúe contra estas plantacións que afectan a valores naturais e patromoniais con total impunidade. 

O BNG amosou a súa preocupación polas rozas na zona

“Na zona leváronse a cabo nas últimas semanas rozas non sabemos se con fins cinexéticos ou para preparar o terreo para novas plantacións de eucalipto. Trátase ademais da finca de Collazo na que está en tramitación a autorización dun proxecto de plantación de eucalipto Nitens, ao que desde o BNG xa presentamos alegacións no seu momento”, concluíu o deputado do BNG, Luís Bará. 

O BNG denunciou que segue o proceso de degradación das Brañas do Deo, mentres a Xunta segue adiando a súa protección