O Pleno do Parlamento debaterá o vindeiro martes a iniciativa do BNG sobre a conservación das Brañas do Deo
Esta protección aseguraría a conservación deste espazo natural fronte aos proxectos de parques eólicos do Monte do Gato e o proxecto de plantación de eucalipto na zona
Desde o BNG solicitarán tamén ao Parlamento que elabore un informe sobre os procesos de degradación e destrución de hábitats de interese comunitario e prioritario das Brañas do Deo, e abra expedientes ás entidades promotoras destes atentados ambientais, así como que se encargue un Plan de protección, conservación, recuperación, educación ambiental e dinamización das Brañas do Deo
Aranga, 20 de novembro de 2021.- O Pleno do Parlamento debaterá o vindeiro martes a iniciativa do BNG para que se declaren as Brañas do Deo rede natura, entre os concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Curtis. “As Brañas do Deo son un conxunto de humidais, principalmente breixeiras e turbeiras, situados na conca do Deo , afluente do Mandeo. Constitúen un espazo de grande valor ambiental, social e paisaxístico. Esta protección aseguraría a conservación deste espazo natural fronte aos proxectos de parques eólicos do Monte do Gato e o proxecto de plantación de eucalipto na zona”, explicou a deputada Mercedes Queixas.
“A inclusión das Brañas do Deo na Rede Natura para evitar os riscos de destrución e degradación e perda irreversíbel de hábitats e de especies ameazadas por estes proxectos enerxéticos e de plantación de eucalipto”, engadiu. “Hai un mandato da unión europea de darlle a máxima protección a estes hábitats que actualmente se ven ameazados. No ano 2008 primeiro e logo no 2011, a Xunta de Galiza promoveu senllas propostas de inclusión das Brañas do Deo na Rede Natura, co obxecto de protexer baixo esta figura aproximadamente 3.400 hectáreas sen que até o momento se tomaran medidas efectivas para garantir a súa conservación”, explicou a deputada nacionalista.
“Conforme as citadas propostas de inclusión na Rede Natura, o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Aranga, aprobado definitivamente en 2013, clasificou como solo rústico de protección de espazos naturais diversos ámbitos que suman 1.328 hectáreas nas zonas de Vilarraso, Fervenzas e Aranga”, explicou a deputada do BNG. “A falta de instrumentos de protección de maior rango ou o desleixo das administracións municipal e autonómica, permitiu ao longo dos últimos anos importantes alteracións e procesos de degradación fundamentalmente debidos a rozas mecánicas e plantacións forestais”, indicou Queixas.
Desde o BNG ademais da súa inclusión na rede natura solicitarán tamén ao Parlamento que elabore un informe sobre os procesos de degradación e destrución de hábitats de interese comunitario e prioritario das Brañas do Deo, e abra expedientes ás entidades promotoras destes atentados ambientais. Os nacionalistas pedirán tamén que se encargue un Plan de protección, conservación, recuperación, educación ambiental e dinamización das Brañas do Deo, contando coa participación das entidades conservacionistas, dos concellos e dos organismos de xestión da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.