O BNG pide no Parlamento que se inclúan as Brañas do Deo dentro da Rede Natura
“Esta protección aseguraría a conservación deste espazo natural fronte aos proxectos de parques eólicos do Monte do Gato e o proxecto de plantación de eucalipto na zona”
Betanzos, 18 de setembro de 2021.- O deputado do BNG Luís Bará anunciou esta mañá nunha reunión coas plataformas en contra dos parques eólicos da comarca que presentou unha iniciativa no Parlamento para que se declaren as Brañas do Deo rede natura. “Esta protección aseguraría a conservación deste espazo natural fronte aos proxectos de parques eólicos do Monte do Gato e o proxecto de plantación de eucalipto na zona”, explicou a deputada Mercedes Queixas. “A inclusión das Brañas do Deo na Rede Natura para evitar os riscos de destrución e degradación e perda irreversíbel de hábitats e de especies ameazadas por estes proxectos enerxéticos e de plantación de eucalipto”, engadiu.
“Hai un mandato da unión europea de darlle a máxima protección a estes hábitats que actualmente se ven ameazados. As Brañas do Deo estaban incluídas na proposta de ampliación da Rede Natura do ano 2008, de novo no ano 2012 e na estratexia de infraestrutura verde sen que até o momento se tomaran medidas efectivas para garantir a súa conservación”, explicou Bará.
Desde o BNG anunciaron que con esta reunión pretenden iniciar unha rolda de contactos e reunións con distintas entidades e colectivos ambientais da comarca para buscar apoios que axuden a levar adiante esta iniciativa. “É fundamental actuar agora, sobre todo tendo en conta que hai proxectos enerxéticos e forestais que poñen en risco a súa conservación e que xa se perderon hábitats e hai zonas que xa están completamente degradadas como poñen de manifesto os informes da propia Xunta sobre a situación deste humidal e hai que evitar que ese proceso siga adiante”, indicou o deputado nacionalista.
Desde o BNG comprometéronse a trasladar esta iniciativa as diferentes administracións para buscar o seu apoio na protección deste espazo natural.
Visita as fincas da fundación Fragas do Mandeo a carón do rio Mendo
O BNG pedirá no Parlamento información sobre a tala que se levou a cabo a carón do río Mendo, no concello de Oza-Cesuras. Na visita que realizaron esta mañá á zona, os deputados do BNG, Luís Bará e Mercedes queixas xunto con Fernando Bandín, da entidade de custodia Fragas do Mandeo, unha das propietarias das fincas onde se produciu a tala a carón do río Mendo, e membros do BNG local e comarcal, o deputado nacionalista comprometeuse a solicitar información á Xunta sobre as autorizacións para esta tala de especies autóctonas a carón do río en fincas privadas, ao parecer como parte das obras da senda entre Trasanquelos e Burricios, anunciada polo concello de Oza-Cesuras en colaboración coa Xunta.
Pola información que o propio concello de Oza-Cesuras trasladou ao BNG, non existe polo de agora proxecto nin licenza, “trátase de especies autóctonas nunha zona de alto valor ambiental, algunhas delas forman parte do proxecto de custodia do territorio da entidade Fragas do Mandeo”, explicou Mercedes Queixas, quen esixiu o compromiso tanto da Xunta como do concello de protexer a zona.