O BNG reivindicou a utilidade do nacionalismo para rematar coas agresións ao noso patrimonio na súa homenaxe a Antolín Faraldo
“Estamos aquí, para seguir demostrando que o nacionalismo segue a ser necesario para conseguir unha sociedade máis xusta”
Betanzos, 29 de agosto de 2021.- O BNG reivindicou a utilidade do nacionalismo para rematar coas agresións ao noso patrimonio no acto de homenaxe a Antolín Faraldo que se celebrou hoxe en Betanzos. “Estamos aquí, para seguir demostrando que o nacionalismo segue a ser necesario para conseguir unha sociedade máis xusta”, explicou Amelia Sánchez, portavoz do BNG en Betanzos.
“Nestes últimos meses vimos asistindo a unha nova serie de agresións ao noso sistema social e ao noso propio territorio, que ten a ver co espolio que queren levar a cabo as industrias enerxéticas, a proliferación de macroparques eólicos que afecta ao territorio galego e tamén á comarca das Mariñas”, engadiu a portavoz nacionalista.
“Todas somos conscientes de que eses megaproxectos teñen como único obxectivo beneficiar a uns poucos mentres destrúen o noso ecosistema, o noso territorio e o noso patrimonio; sen deixar ningunha contrapartida a cambio. No BNG continuaremos a traballar para evitar ver a nosa comarca inzada de eólicos e atravesada por liñas de alta tensión”, indicou Amelia Sánchez.
Desde o BNG anunciaron tamén que seguirán a traballar de maneira incansábel para evitar que se siga a agredir o noso sistema educativo e sanitario. “A día de hoxe podemos asistir a todo tipo de actividades e de eventos, mais seguimos sen ter dereito a ter consultas médicas presenciais”, criticou a portavoz do BNG. “Na mesma liña, vimos denunciando os recortes de profesorado que a Consellaría de Educación quere levar a cabo nos centros educativos galegos, como no Vales Villamarín de Betanzos ou tamén na escola de Abegondo”.
O deputado Mini Rivas centrou a súa intervención na búsqueda da identidade como pobo. “Transitamos pola vida na procura de nós mesmos, da nosa identidade. A outros pobos élles concedida polo feito de naceren. A nós non. Nós formamos parte das xentes a quen se lles atribúe unha identidade que non recoñecen coma súa pero que exercen. A propia téñena agochada, negada”, explicou o deputado nacionalista.
Como ben nos ensinaron os homes do Provincialismo “encamiñando á un só fin todos os talentos e todos os esforzos, chegará á conquistar Galiza a influencia de que é merecedora, colocándose no alto lugar á que está chamado o antigo reino dos suevos”, concluíu.