O BNG pediu no Parlamento protexer as Brañas do Deo incluíndoas dentro das zonas protexidas na Rede Natura
Desde o BNG pediron ao goberno galego que denegue os permisos a este e calquera outro proxecto de novas plantacións de eucalipto que prevexan novas plantacións en solos de protección de augas, de protección agropecuaria e de espazos naturais
Aranga, 16 de xullo de 2021.- O BNG pediu no Parlamento protexer ambientalmente as Brañas do Deo incluíndoas dentro das zonas protexidas na Rede Natura. O grupo nacionalista rexistrou esta iniciativa despois da visita á zona o pasado sábado, con colectivos ambientais e plataformas en contra dos eólicos da comarca. “Esta zona estaba incluída na proposta de ampliación da Rede Natura que é fundamental que se aprobe para conservar zonas como as Brañas do Deo cunha grande riqueza natural”, explicou a deputada do BNG Mercedes Queixas.
Desde o BNG pediron ao goberno galego que denegue os permisos a este e calquera outro proxecto de novas plantacións de eucalipto que prevexan novas plantacións en solos de protección de augas, de protección agropecuaria e de espazos naturais. “Estamos a falar, e resulta importante non esquecelo, dun proxecto situado en terreos que fan parte da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e así se sinala no propio EIA; mais esquecen mencionar no documento que tamén se atopan no lugar as Brañas do Deo, incluídas na proposta de ampliación da Rede Natura”, engadiu Queixas.
“Na zona proposta atopamos tamén varios hábitats de interese comunitario, o que dá unha idea do alto valor ambiental da zona e da incompatibilidade da súa conservación coa plantación de Eucalipto Nítens para usos madeireiros. Ao tempo, resulta innegábel o impacto que un proxecto desta envergadura tería sobre os recursos hídricos dunha zona na que se poden atopar lagoas, humidais e distintos cursos de auga”, indicou Queixas.
A este impacto habería que engadir o dos Parques Eólicos do Monte do Gato
“De forma conxunta aos impactos sobre o medio natural, o monte da Carballoa entra dentro da zona de cautela de dous elementos patrimoniais: o muíño de Vilaurís e a mámoa de Torrelavandeira”, informou a deputada do BNG. “Esta última sufrirá unha afectación severa. Esta mámoa xa vai ter un impacto, segundo o EIA por dous dos Parque Eólicos proxectados na zona, o PE Fontella e o PE Penas Boas, e non hai un estudo conxunto de como estes proxectos de PE e o de explotación do Monte da Carballoa para a plantación de eucalipto, que aquí nos presentan, afectarían á Necrópole megalítica do Monte do Gato, do que esta mámoa forma parte”, concluíu.