O BNG presentou unha nova iniciativa para dar continuidade no Parlamento á defensa das Brañas do Deo
“Pedimos que se estableza o réxime de protección cautelar e en consecuencia, que a Xunta informe negativamente todos os proxectos de parques eólicos e plantacións forestais que lle afecten a este espazo”
Na iniciativa presentada o BNG reclama que se dote de protección e establecer medidas de conservación e seguimento para os 40 humidais recollidos no Inventario de humidais (2003) no ámbito das Brañas do Deo e a súa contorna.
Aranga, 17 de marzo de 2022.- O BNG rexistrou unha nova iniciativa para dar continuidade no Parlamento á defensa das Brañas do Deo. A deputada do BNG, Mercedes Queixas, e a responsábel comarcal do BNG, Cristina López, volveron a reunirse o pasado luns con representantes das plataformas en contra dos parques eólicos da comarca para expoñerlles estas novas iniciativas e valorar outras iniciativas a presentar en contra dos novos proxectos eólicos na comarca.
“Despois da exposición pública dos novos Parques Eólicos Caíño e Brancellao, que teñen un impacto importante sobre os humidais das Brañas do Deo instamos, de novo, á Xunta a iniciar os trámites para a inclusión das Brañas do Deo na Rede Natura 2000”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
“Como medida de protección pedimos que se estableza o réxime de protección cautelar ou protección preventiva, previstos nos artigos 45 e 46 da Lei 5/2019 do patrimonio natural e da biodiversidade e en consecuencia, que a Xunta informe negativamente todos os proxectos de parques eólicos e plantacións forestais que lle afecten a este espazo”, engadiu a deputada nacionalista.
Na iniciativa presentada o BNG reclama que se dote de protección e establecer medidas de conservación e seguimento para os 40 humidais recollidos no Inventario de humidais (2003) no ámbito das Brañas do Deo e a súa contorna.
Impacto dos proxectos de parques eólicos Caíño e Brancellao
“O humidal “As Marelas”, os humidais de “A Rechabeira” e “Santa Eulalia” e o humidal “Braña da Palma” e “Veiga do Río Carballido” son atravesados por viais zanxas e apoios das liñas de alta tensión segundo afirma o Estudo de Impacto ambiental do Parque eólico Caíño”, explicou a responsábel comarca do BNG, Cristina López. “Estes humidais pertencen ao complexo de turbeiras e breixeiras do Deo, coñecido como Brañas do Deo, como recollemos nas alegacións que presentamos a estes proxectos eólicos”, engadiu.
Desde o BNG piden que se estableza o réxime de protección cautelar ou o réxime de protección preventiva para todos os espazos e hábitats de interese comunitario e interese prioritario existentes en Galiza, nomeadamente para os humidais inventariados, turbeiras, queirogais e matogueiras que se están vendo afectados pola loucura de proxectos eólicos presentados no último ano.