Mercedes Queixas alerta do impacto do proxecto eólico de Greenalia sobre a Torre de Teodomiro (BIC), no monte do Gato, e avisa dunha posíbel descatalogación para beneficiar o proxecto
Denuncia o carácter incompleto e falta de credibilidade dos Estudos de Impacto Ambiental e pide á Xunta que escoite as demandas dos veciños e veciñas de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós afectados polo proxecto
Santiago de Compostela, 9 de xuño, 2021.Pleno.- A través dunha pregunta parlamentaria ao Goberno, a deputada do BNG, Mercedes Queixas denunciou os efectos dos 6 proxectos de parques eólicos, en tramitación, en menos de 5 Qm sobre o Monte do Gato, situado entre os concellos de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós, na provincia da Coruña.
Este proxecto, explicou Queixas representa un exemplo de macroparque eólico fraccionado para evitar unha avaliación global do proxecto total e das garantías esixibles, presentando, no seu defecto, “un Estudo de Impacto Ambiental individual de cada proxecto, e dos que aínda están pendentes de publicar as liñas de evacuación”.
Os estudos, agregou, preséntanse “incompletos e inexactos, carentes de credibilidade, ademais de descontextualizados” pola falta dun estudo integral. En este sentido, lembrou que o BNG demandou no Parlamento galego un estudo integral do proxecto, solicitude que foi “rexeitada polo grupo do Partido Popular”.
O Monte do Gato acolle unha grande necrópole megalítica con 29 mámoas catalogadas e dous petróglifos, dos que un estudo declara 24 elementos patrimoniais afectados: “17 cun impacto severo e 5 moderado”.
Ademais, o catálogo de patrimonio do PXOM do concello de Aranga constata que, na parroquia de San Vicente de Fervenzas, no Monte do Gato atópase un BIC, a Torre de Teodomiro, que non aparece reflectida no anexo de impacto turístico e no anexo de impacto sobre o patrimonio cultural e nin sequera no propio Estudo de Impacto Ambiental.
Estamos a falar, dixo, dunha fortificación típica da Alta Idade Media cunha muralla elipsoidal e probabelmente un corpo central. Un monumento salientábel dentro da comarca, recollido na bibliografía histórica e do que até o de agora non se determinara o emprazamento preciso.
Nesta altura, xeolocalizado este BIC por un equipo especializado en arqueoloxía, foi presentado o proxecto de prospección que permita a delimitación planimétrica do ben e o correspondente permiso á Dirección xeral de patrimonio cultural por parte da Asociación veciñal da parroquia de Fervenzas. Até o de agora “non tiveron resposta e existe preocupación veciñal por unha posíbel solicitude de descatalogación por parte da empresa”.
Hai unha petición de descatalogación deste BIC? Que medidas implementou a Xunta para garantir a conservación e posta en valor da Torre de Teodomiro como BIC? preguntou a deputada ao conselleiro de Román Rodríguez
Tras a resposta de Conselleiro de Cultura , Mercedes Queixas replicou que a Xunta de Galiza ten a competencia exclusiva sobre patrimonio e a obriga legal da súa conservación e posta en valor. Nesta liña, a deputada exixiu unha posición do goberno, “ como valedor do patrimonio colectivo ou polo contrario como cómplice do espolio eólico do Montes do Gozo”.
A consellería, dixo, debe explicarlle aos responsables da solicitude da prospección e a veciñanza que o tramitou que “ese ben vai estar protexido e a Xunta non vai mirar para outro lado”. Si queren blindar o patrimonio natural e cultural desta zona deben actuar de maneira “inmediata” porque é unha reserva da biosfera das mariñas coruñesas e das terras do Mandeo e a Rede natura debe ser ampliada nesta contorna amplíen a Rede Natura para esta contorna, concluíu.