Anunciamos alegacións á modificación do PXOM de Aranga
O BNG anunciou que presentará alegacións no prazo de consultas previas á avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual do PXOM de Aranga para modificar a clasificación do solo urbanizábel en urbano nun sector en Montesalgueiro.
Aranga, 29 de decembro de 2017. O BNG anunciou que presentará alegacións no prazo de consultas previas á avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual do PXOM de Aranga para modificar a clasificación do solo urbanizábel en urbano nun sector en Montesalgueiro. “Presentaremos alegacións para que se elabore un documento que prevea o impacto ambiental que dedicar 3500 Has máis, é dicir o dobre, do que actualmente está ocupado á acumulación de ferralla pode ter no noso medio, entre eles a afección paisaxista”, explicou o portavoz nacionalista Carlos Diaz.
“Trátase dunha modificación deseñada a medida para unha empresa á que ademais se lle vai ‘perdoar’ a súa obriga de urbanizar o polígono correspondente co que se, nun futuro, o hai que facer vai ser con cartos públicos. No BNG pensamos que o goberno local ten que ter un deseño para dinamizar o concello de Aranga que ten que ir máis alá de beneficiar unha empresa en concreto ou pretender estender o cultivo de eucalipto a toda a superficie produtiva”, criticou o portavoz nacionalista.
Desde o BNG esixen ao concello que garanta a igualdade de trato para todos os veciños e veciñas do concello. “A calquera veciño ou veciña non se lle deseña unha modificación á medida do planeamento para que poida urbanizar ou ter mais superficie produtiva e tampouco se lle perdoa a urbanización do espazo de beirarrúas que lle corresponde. Entendemos que o cumprimento das normas debe ser igual para toda a veciñanza e que o labor do concello vai máis alá de intentar beneficiar a empresas concretas prexudicando así ao resto da veciñanza”, criticou o portavoz do BNG.
“Cando no ano 2013 se aprobou o Plan Xeral de Aranga o PP sostivo que era un día histórico para o noso concello e que a aprobación do PXOM tería un impacto positivo na nosa economía e na creación de postos de traballo”, concluíu o portavoz do BNG, mais 4 anos despois, mais o noso concello segue perdendo poboación dos 2.051 habitantes no ano de aprobación do Plan aos 1.935 no ano que remata segundo datos do INE. É obvio que máis superficie para polígonos industriais non son a solución para a dinamización dos concellos rurais deste País como Aranga senón que teremos que por en valor a nosa paisaxe e a capacidade produtiva”, concluíu.