Ana Miranda pregunta á Comisión Europea que medidas vai adoptar para mellorar a calidade das augas da Ría de Betanzos
O BNG denuncia que a contaminación repercute negativamente no desenvolvemento económico da zona
Bruxelas, 5 de setembro de 2018.- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse á Comisión Europea para preguntar se ten coñecemento da mala calidade das augas da Ría de Betanzos e se vai executar algunha medida para solucionar este problema, que repercute negativamente na situación medioambiental da zona e no seu desenvolvemento económico
“Pese a que boa parte da Ría de Betanzos forma parte da Rede Natura 2000, leva moitos anos agardando polo seu saneamento integral e debido aos vertidos continuos a calidade das súas augas deixa moito que desexar”, denunciou a eurodeputada galega, quen o pasado 24 de agosto visitou a praia do Regueiro e a zona do Pedrido xunto a responsable comarcal das Mariñas, Cristina López, e outras integrantes da formación nacionalista.
Como puido comprobar Miranda na súa visita, a praia do Regueiro está pechada ao baño desde o ano 2016 debido a súa contaminación por bacterias fecais e despois de 5 anos con resultados por encima do máximo de contaminación para permitir o baño. “Non é de recibo que en lugar de solucionar este problema, a praia estea fóra das analíticas de zonas de baño da Xunta. Por moito que se esconda o problema, este non desaparece”, critica.
A respecto da zona do Pedrido o Bloque lamenta que a contaminación das augas teña consecuencias tan negativas sobre os sectores produtivos como marisqueo, unha actividade económica fundamental na Ría de Betanzos, así como sobre o emprego. Como exemplo desta situación, a confraría de Miño pasou de 42 mariscadoras a 19 nos últimos 16 anos.
Incumprimento da Xunta
Na súa pregunta á Comisión, Ana Miranda lembra que no ano 2012, a Xunta de Galiza fixo a promesa de investimento de máis de 2 millóns de euros para construír unha depuradora que solucionase o problema de mala calidade da auga, porén nunca chegou a aparecer nos orzamentos. “É imprescindible poñer fin a esta contaminación e que a administración galega busque o financiamento para construír a depuradora tan demandada”, subliña a eurodeputada nacionalista.