Pedimos no Parlamento a creación da mesa da Ría de Betanzos
O BNG presentou no Parlamento galego unha proposición non de lei sobre a calidade da auga na Ría de Betanzos
Betanzos, 11 de xullo de 2017. O BNG presentou no Parlamento galego unha proposición non de lei sobre a calidade da auga na Ría de Betanzos. “A calidade da auga na ría de Betanzos vén empeorando nos últimos anos sen que a Xunta ou o Estado tomen ningunha medida para poñerlle solución”, explican os nacionalistas na súa iniciativa. “Malia que a ría de Betanzos é rede natura 2000, os vertidos seguen a producirse continuamente sen ningunha consecuencia. As analíticas realizadas no mes de xuño mostran un continuo deterioro na calidade da auga das praias da ría. Estas analíticas mostran que temos dúas praias nas que non se recomenda o baño pola mala calidade da auga debido á contaminación por fecais: As Delicias en Sada e Gandarío en Bergondo, e outras como o Regueiro (Bergondo) nas que xa non se toman mostras despois de 4 anos de resultados por debaixo do recomendado para o baño”.
“Constátase tamén un empeoramento da calidade da auga noutras praias que en pasados anos obtiveron a cualificación de excelente ou boa, como a do Pedrido (en Bergondo) que só logrou un suficiente nas analíticas de xuño ou a Praia Grande de Miño, que durante anos tivo unha calidade da auga excelente, viu descender o seu nivel ao de bo nun das súas marxes, o dereito”, engaden desde o BNG.
Desde o grupo do BNG instan ao goberno da Xunta a elaborar un informe sobre a calidade da auga da ría de Betanzos, a situación do saneamento e os puntos de vertidos así como de un cronograma das actuacións previstas pola Consellería de Medio Ambiente para solucionar estas deficiencias.
“Na Ría de Betanzos existe actividade extractiva de marisqueo a través da confraría de Miño e entre as zonas de marisqueo da confraría existen dúas zonas C unha estábel e unha provisional cos graves prexuízos económicos que esta situación provoca xa que o marisco destas zonas non se pode vender directamente para o seu consumo senón que ten que ir a depurar a outras zonas con maior calidade da auga ou directamente a conserva”, explican os nacionalistas.
Desde o grupo parlamentar do BNG engaden que a información que se traslada á veciñanza sobre a situación do saneamento e os resultados das analíticas realizadas é bastante deficiente. “En ningunha das páxinas web dos concellos da ría se pode atopar información sobre a situación da rede de saneamento ou os vertidos detectados. As analíticas mensuais que realiza a Xunta sobre a calidade das augas tampouco se fan públicas nas webs dos concellos nin están visíbeis en moitas das praias durante o verán, e limítanse a por un cartaz onde se indica a insuficiente calidade da auga sen maior información sobre as causas ou as consecuencias do baño”, indican desde o grupo nacionalista.
Piden tamén a construción de depuradoras nos concellos que actualmente carecen de depuración como é o caso de Paderne e a creación a Mesa da ría de Betanzos na que estean representados colectivos medio ambientais, confrarías, representantes dos concellos e dos diferentes grupos políticos que integran as corporacións, así como técnicos de medio ambiente. Nesta Mesa faríase un seguimento da calidade da auga da ría, dos vertidos que se producen e as súas consecuencias, e do cronograma acordado pola Xunta para subsanar as deficiencias.
“O BNG leva pedindo nas súas alegacións aos orzamentos da Xunta dos últimos anos que se reserve unha partida para o saneamento integral e a rexeneración ecolóxica da ría de Betanzos sen éxito. Nos orzamentos aprobados para este ano 2017 non se inclúe ningunha partida para este fin a pesar de que a Directiva 91/271/CE de 21 de maio indica que dende o ano 2005 todas as aglomeracións urbanas de máis de 2000 habitantes deberán contar con sistemas de depuración”, informan desde o BNG.
Por todo isto, desde o grupo do BNG instan ao goberno da Xunta a elaborar un informe sobre a calidade da auga da ría de Betanzos, a situación do saneamento e os puntos de vertidos así como de un cronograma das actuacións previstas pola Consellería de Medio Ambiente para solucionar estas deficiencias, a construír unha depuradora nos concellos que actualmente carecen de depuración como é o caso de Paderne e a crear a Mesa da ría de Betanzos na que estean representados colectivos medio ambientais, confrarías, representantes dos concellos e dos diferentes grupos políticos que integran as corporacións, así como técnicos de medio ambiente. Nesta Mesa faríase un seguimento da calidade da auga da ría, dos vertidos que se producen e as súas consecuencias, e do cronograma acordado pola Xunta para subsanar as deficiencias.
Os representantes do BNG están trasladando estas peticións tamén aos Plenos dos concellos da comarca das Mariñas e nalgún deles xa foi debatida como é o caso de Betanzos, onde se aprobou co único voto en contra do goberno local do PSOE.