Pedimos nas emendas aos orzamentos da Xunta crédito para o saneamento integral da Ría de Betanzos
O BNG fixo hoxe públicas hoxe as súas alegacións aos orzamentos da Xunta para os concellos da comarca das Mariñas que se debaterán esta semana no Parlamento galego. “A pesar de que o PP anunciou investimentos millonarios en Betanzos e na comarca, a realidade é que nos orzamentos que presentou o Partido Popular non aparece un só euro de investimento territorializado”.
Betanzos, 21 de novembro de 2017. O BNG fixo hoxe públicas hoxe as súas emendas aos orzamentos da Xunta para os concellos da comarca das Mariñas que se debaterán esta semana no Parlamento galego. “A pesar de que o PP anunciou investimentos millonarios en Betanzos e na comarca, a realidade é que nos orzamentos que presentou o Partido Popular non aparece un só euro de investimento territorializado”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López.
O grupo nacionalista reclamou que se reserve crédito para mellorar os servizos na comarca para melloras nos servizos sociais -centro de día de Miño, apertura de centro de día no antigo ambulatorio de Betanzos ou xeriátrico no sanatorio de Cesuras.
O BNG pediu nas alegacións que se reserve crédito para mellorar os servizos na comarca como Servizos sociais, ensino ou sanidade. “Recibimos queixas continúas pola calidade do servizo sanitario, porque non se cobren as baixas nin as vacacións do persoal. O Centro de especialidades de Betanzos dá servizo a toda a comarca. Este servizo non é da calidade que debera entre outras cousas debido á política de persoal do SERGAS”, indicou a responsábel nacionalista, “nas nosas emendas pedimos que se reserven 100 mil euros a maiores para cubrir as baixas de persoal”. “O mesmo sucede co servizo de pediatría polo que solicitamos 200 mil euros a maiores para garantir o persoal e polo tanto un servizo de calidade”, engadiu.
“Tamén consideramos básica unha aposta pola conservación e posta en valor do patrimonio da nosa comarca polo que pedimos de novo 1 millón de euros para rehabilitación das vivendas propiedade do IGVS no Casco histórico de Betanzos a maiores dos 5 millóns de euros para un programa de rehabilitación de cascos históricos e núcleos tradicionais e 750 mil euros como contribución da Xunta á rehabilitación do Parque do Pasatempo”.
Nas súas emendas o grupo nacionalista tamén solicitou orzamento para abrir o centro de día de Miño, rematado e pechado desde hai 10 anos, para abrir un centro de día no antigo ambulatorio de Betanzos e para a rehabilitación do sanatorio de Cesuras e convertelo nun xeriátrico público. “Hai un déficit total destes servizos na nosa comarca onde non contamos con ningún centro de día nin xeriátrico público”, explicou Cristina López.
“Volvemos a reclamar unha partida orzamentaria para a conversión do aulario do Vales Villamarín nun centro independente. Este centro que é neste momento o máis masificado de Galiza dá servizo aos concellos de Betanzos, Paderne e Coirós”, engadiu López.
Solicitamos tamén que se reserve orzamento para garantir persoal no servizo de pediatría nos diferentes centros de saúde da nosa comarca e no centro de especialidades de Betanzos.
Nas propostas do BNG ten tamén moita importancia a defensa do medio e do patrimonio. O grupo nacionalista reclamou como leva facendo nos últimos anos que se reserve orzamento para o saneamento integral da Ría de Betanzos dentro dun programa de mellora das infraestruturas hidráulicas e do saneamento e pediu tamén un plan de eliminación de especies invasoras para a comarca moi afectada por especies como o plumacho ou a vespa velutina.
“Tamén consideramos básica unha aposta pola conservación e posta en valor do patrimonio da nosa comarca polo que pedimos de novo 1 millón de euros para rehabilitación das vivendas propiedade do IGVS no Casco histórico de Betanzos a maiores dos 5 millóns de euros para un programa de rehabilitación de cascos históricos e núcleos tradicionais que consideramos fundamental”, indicou Cristina López. “A maiores solicitamos 750 mil euros como contribución da Xunta á rehabilitación do Parque do Pasatempo, que se atopa nunha situación de total abandono e que até o momento o PP se negou a colaborar desde a Xunta na súa posta en valor”, concluíu a responsábel nacionalista.