“É UNHA SITUACIÓN MOI GRAVE PERO O QUE PRECISAMOS SON INVESTIMENTOS NON ACUSACIÓNS ENTRE PP E PSOE”

Censuramos o “cinismo” do PP á hora de falar dos problemas de saneamento da ría de Betanzos

BNG; Paderne; Candidatura;.6-marzo-2019;

Neste sentido, recordan que levan demandando durante anos fondos, tanto no Concello de Paderne como nos orzamentos da Xunta, para pechar o saneamento en toda a bacía do Mandeo

Censuramos o “cinismo” do PP á hora de falar dos problemas de saneamento da ría de Betanzos

Paderne, 16 de setembro de 2019. O BNG censurou o “cinismo” do PP á hora de falar dos problemas de saneamento da ría de Betanzos. Para Manel Pérez, portavoz do BNG de Paderne, “que a Xunta apunte a outras administracións mentres non asume a súa responsabilidade sobre a contaminación na ría de Betanzos e situación do saneamento no concello de Paderne é unha tomadura de pelo”.

O nacionalista advirte de que “os problemas de saneamento na ría de Betanzos e concretamente en Paderne que levamos anos denunciando publicamente por desgraza non son os únicos vertidos na Ría. Levamos anos pedindo ao goberno local de Paderne que reclame fondos para unha depuradora no noso concello e un cronograma para rematar o saneamento sen que, polo momento, actuara para garantir a calidade da auga da Ría”.

Neste sentido, recordan que levan demandando durante anos fondos, tanto no Concello de Paderne como nos orzamentos da Xunta, para pechar o saneamento en toda a bacía do Mandeo. “Canto fan PSOE e PP, responsábeis do Concello de Paderne e a Xunta, é pasarse a pelota e cruzar declaracións con palabras grosas sobre unha suposta depuradora para a que ningunha das dúas partes fixo os deberes”, reprobou o concelleiro nacionalista.

Desde o BNG recordan que levan anos propoñendo unha Mesa da Ría na que o goberno galego e os gobernos locais dos concellos da ría senten canda organizacións políticas, sindicais, ecoloxistas e confrarías “para fixar un cronograma real de actuacións e investimentos”. “Se tanto lle preocupa á Xunta o estado da ría de Betanzos que se sente nesta mesa e deixe os titulares de prensa sensacionalistas”, retan.

 

As nacionalistas recordan, ademais, que hai máis problemas ambientais que a Xunta ten que resolver para garantir o saneamento da ría de Betanzos, que tiña que estar rematado en 2015 segundo a normativa europea. “Hai sentenzas que demostran que houbo vertidos industriais á ría e a Xunta aínda non sancionou aos responsábeis, hai vertidos na cabeceira do Mandeo que a Xunta pretende legalizar” recordaron, ademais recentemente o informe encargado pola Xunta sobre o funcionamento das depuradoras revelou que non funciona en condicións ningunha das depuradoras que verten á Ría de Betanzos. “É unha situación moi grave pero o que precisamos son investimentos non acusacións entre PP e PSOE”, concluíu o portavoz nacionalista.

Censuramos o “cinismo” do PP á hora de falar dos problemas de saneamento da ría de Betanzos