O BNG pedirá información mañá no Pleno sobre os cortes de auga en Paderne
Pérez insistiu no malestar veciñal ante a falta de información clara e pediu que os cortes, de seren necesarios, non sexan de tantas horas de duración para non afectar de maneira considerábel a vida diaria da veciñanza
Paderne, 13 de xullo de 2022.- Bloque Nacionalista Galego presentará unha moción de urxencia na sesión plenaria extraordinaria que terá lugar mañá xoves 14 de xullo no Concello de Paderne.
Segundo o voceiro nacionalista, Manel Pérez, “a veciñanza amosounos a súa fonda preocupación ante o anuncio do concello de levar a cabo un corte de auga de grandes dimensións”. Na moción de urxencia, as nacionalistas pedirán información sobre o bando municipal que anuncia un corte de auga de 32 horas ininterrompidas polo uso “non doméstico” da traída municipal.
Este bando únese a outro que foi publicado o pasado luns, en que o concello informaba sobre fugas no subministro e sobre posíbeis cortes no servizo á veciñanza. Pérez insistiu no malestar veciñal ante a falta de información clara e pediu que os cortes, de seren necesarios, non sexan de tantas horas de duración para non afectar de maneira considerábel a vida diaria da veciñanza.
“Parece obvio que o goberno local non fixo unha previsión adecuada no que respecta ao subministro de auga”, engadiu Manel Pérez, “o normal sería pedir informar primeiro á veciñanza deste problema cando se detectou e comezar con outro tipo de medidas de aforro e non cortar directamente o subministro de auga durante día e medio, co impacto que esta medida vai ter na vida diaria da veciñanza”, concluíu. Así mesmo, afirmou que, se efectivamente se está a producir un mal uso da auga da traída, se leven a cabo labores de vixilancia por parte do concello.