O BNG lamentou que o goberno local impedise o debate da súa moción de urxencia sobre o corte no subministro de auga
“Pensamos que non é de recibo que non se permita a votación dunha moción dun tema tan grave e urxente e que está creando moitísima preocupación e malestar entre a veciñanza. O goberno local ten que explicar porque non tiveron unha previsión adecuada da auga e informar con clareza da situación”
Paderne, 14 de xullo de 2022.- O BNG lamentou que o goberno local impedise o debate da súa moción de urxencia sobre o corte no subministro de auga. “Esta mañá trasladamos unha moción de urxencia ao Pleno extraordinario pedindo ao alcalde César Longo que fixera pública a información sobre a situación do subministro de auga de Paderne que obriga a levar a cabo estes cortes no subministro e facilitar unha copia por escrito desta información aos grupos municipais”, explicou o portavoz do BNG, Manel Pérez.
“Pensamos que non é de recibo que non se permita a votación dunha moción dun tema tan grave e urxente e que está creando moitísima preocupación e malestar entre a veciñanza. O goberno local ten que explicar porque non tiveron unha previsión adecuada da auga e informar con clareza da situación”, indicou o portavoz nacionalista.
Desde o BNG pediron tamén que o goberno local leve a cabo un estudo das necesidades e deficiencias do servizo de subministro de auga e saneamento así como un cronograma con prazos e proxectos concretos para subsanar estas deficiencias. “Levamos anos insistindo na necesidade de rematar estes servizos, que son básicos en todos os concellos sen que vexamos avances significativos”, engadiu Pérez.