O BNG vota en contra da conta xeral de 2021 presentada polo goberno local
En investimentos deixaron sen executar máis de 700 mil euros dun total de 1.053.000, é dicir máis do 70% dos cartos reservados a investimento non se gastaron. Mentres o noso concello segue sen emprestar servizos básicos á veciñanza como saneamento ou traída de auga en todas as parroquias
Paderne, 4 de agosto de 2022.- O BNG vota en contra da conta xeral de 2021 presentada polo goberno local do PSOE. “A conta xeral é o reflexo do gasto do goberno no pasado ano. O concello ingresou no 2021 un total de 1.776.000 euros dos que deixaron sen gastar case o 30%”, explicou o portavoz do BNG, Manel Pérez.
“Máis preocupantes aínda son os datos de investimento, onde quedaron sen executar máis de 700 mil euros dun total de 1.053.000, é dicir máis do 70% dos cartos reservados a investimento non se gastaron. Mentres o noso concello segue sen emprestar servizos básicos á veciñanza como saneamento ou traída de auga en todas as parroquias”, engadiu o portavoz do BNG.
“Temos cortes de auga pola situación da traída municipal e carecemos de depuradora por non poñer a disposición da Xunta un terreo para esta infraestrutura, cos problemas de contaminación que está provocando na Ría de Betanzos. Sen embargo a conta xeral amosa como máis do 70% dos cartos que tiñamos sen investir quedan sen gastar”, indicou Pérez.
O BNG criticou a un goberno local do PSOE que ten o concello paralizado, sen proxecto e sen iniciativa “que non está sequera proporcionando á veciñanza os servizos máis básicos, mentres ano tras ano en torno ao 30% do orzamento queda sen executar, nomeadamente no apartado de investimentos”.