Manel Pérez será o candidato do BNG á alcaldía de Paderne
Paderne, 6 de febreiro de 2023.- Xosé Manuel Pérez “Manel” repetirá como candidato do BNG nas vindeiras eleccións municipais de maio. O candidato do BNG, actualmente concelleiro nunha corporación presidida polo PSOE, di “aspirar a todo” e confía en aumentar o respaldo da veciñanza de Paderne.
O candidato nacionalista márcase como primeiro obxectivo “recoller as propostas, queixas e principais demandas da veciñanza”, e critica o inmobilismo e a falta de actividade dun goberno local hoxe “obstáculo principal para o progreso do concello”, afirma Pérez.
Manel Pérez criticou que o goberno do PSOE non foi capaz nos últimos anos de crear servizos de calidade para a xente, deixando un legado de “servizos insuficientes e deficientes”, que lastran as posibilidades do concello.
Para o candidato do. BNG, é evidente o abandono da xestión diaria por parte do goberno local, que se observa “no mal estado das pistas e dos elementos patrimoniais que son un elemento identitario, ademais dun reclamo turístico para o concello”. O candidato nacionalista afea tamén aos socialistas a “notoria falta de mantemento de parques e xardíns” e considera que é a mostra das dificultades do PSOE para afrontar tarefas de mantemento sinxelas que ao final trasladan unha mala imaxe de Paderne no seu conxunto”.
Saneamento, subministro de auga e mobilidade, puntais da proposta de goberno nacionalista
“Levamos anos pedindo ao goberno local de Paderne que reclame fondos para unha depuradora no noso concello e un cronograma para rematar o saneamento sen que, polo momento, actuara para garantir a calidade da auga da Ría”, explicou o candidato nacionalista. Pérez lembrou tamén os cortes de auga que se produciron no verán pola falta de previsión do goberno e as deficiencias da captación e almacenamento de auga no noso concello. “Son servizos básicos que o goberno local ten que garantir”, explicou o candidato do BNG.
“Comprometémonos a esixir do Estado as obras necesarias para garantir a seguridade viaria na estrada que vai a Ferrol, que ten varios puntos moi perigosos ao seu paso polo noso concello”, engadiu o candidato á alcaldía do BNG. “Concretamente insistiremos na necesidade dunha rotonda no cruce da AC-164 e a estrada que vai a Ferrol en Souto, á saída da Ponte do Pedrido”, concluíu.