O BNG de Oza-Cesuras presentou unha moción para garantir os dereitos laborais das empregadas do Servizo de Axuda no Fogar
O goberno local do PP negouse no Pleno extraordinario celebrado hoxe a debater a moción presentada polo BNG, despois de recibir as queixas das traballadoras do servizo
Oza dos Ríos, 11 de febreiro de 2022.- O BNG de Oza-Cesuras vén de presentar unha moción para garantir os dereitos laborais das empregadas do Servizo de Axuda no Fogar. “O presente 1 de xaneiro entrou en vigor o actual contrato do Servizo de Axuda no Fogar, adxudicado á empresa Osventos Innovación en Servicios, S.L. O principal criterio para esta adxudicación é o menor prezo por hora, non chegando neste caso aos 15 € / hora, mantendo as empregadas que é imposíbel manter un servizo de calidades por este importe” explicou Estefanía Busto, voceira do BNG.
O goberno local do PP negouse no Pleno extraordinario celebrado hoxe a debater a moción presentada polo BNG, despois de recibir as queixas das traballadoras do servizo.
O BNG lembra que “o concello ten a obriga da supervisión e control continuos da prestación do servizo. Trátase ademais dunha profesión feminizada e que as profesionais destes servizos están deixando constancia desde hai anos dos abusos das empresas concesionarias, e que a propia administración ten a obriga de garantir a calidade no traballo en empresas que licitan coa administración e que reciben cartos público” lembrou a concelleira nacionalista. “É por isto que solicitamos ao goberno local a supervisión deste contrato e que demande da empresa concesionaria o cumprimento da legalidade laboral vixente, garantindo os dereitos laborais das traballadoras”
“Desde o BNG defendemos sempre a xestión pública dos servizos, xa que é o único modo de garantir a súa calidade e o acceso en condicións de igualdade por parte das persoas usuarias, mais o concello de Oza-Cesuras aposta pola privatización dos mesmos; neste caso o Servizo de Axuda no Fogar, un servizo imprescindíbel nun concello rural e avellentado coma o noso”, lamentou Busto.