O BNG votou en contra ao orzamento para 2021 que se debateu no Pleno

BNG; Oza-Cesuras;
17-novembro-2018
BNG; Oza-Cesuras; 17-novembro-2018

Estefanía Busto: O gasto en órganos de goberno local segue medrando e ascende xa a 95 671,09 euros, estas cifras parécennos escandalosas para un concello destas dimensións e que apenas sobre pasa os 5000 habitantes

O BNG votou en contra ao orzamento para 2021 que se debateu no Pleno

Oza dos Ríos, 29 de setembro de 2021.- O BNG de Oza-Cesuras presentou alegacións ao orzamento municipal para o ano 2021 e votou en contra da aprobación  definitiva no Pleno que se celebrou esta mañá. “Non se nos deu ningún tipo de participación na elaboración deste orzamento, desde o BNG defendemos que a veciñanza poida opinar e decidir en que se gastan os cartos públicos”, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello. 

“Vemos como gasto en órganos de goberno local segue medrando e ascende xa a 95 671,09 euros para manter o salario do alcalde -45 mil euros- a dúas dedicacións de -22 mil e 20 mil- de dúas concelleiras, ademais de 30 000 en atencións protocolarias, 5 000 propaganda ou 20 000 en dietas”, informou a concelleira nacionalista. “Estas cifras parécennos escandalosas para un concello destas dimensións e que apenas sobre pasa os 5000 habitantes, ademais alcalde pode cobrar dietas e locomocións por desprazarse de Oza a Cesuras”, censurou Busto.

“Afondando no tema da transparencia, unha vez máis a metade dos fondos para subvencións será destinado para subvencións nominativas. Cuestionamos esta forma de adxudicar as subvencións, que vai en contra do artigo 5 da lei 9/2007 de subvencións de Galiza. Trátase dun total de 61.327,10 euros en subvencións de adxudicación nominativa (ademais das subvencións motivadas pola COVID), e dicir, adxudicados a dedo. E tamén, como todos os anos outros 10.000 que se reserva o alcalde para facer clientelismo e que lle adxudica a quen el considere” informou a voceira nacionalista. “O lóxico sería elaborar unha orde de subvencións de xeito participativo, cun acordo entre os grupos e a veciñanza, xa que se trata de cartos de todos” engadiu Busto.

No documento presentado, as nacionalistas tamén propoñen aumentar as partidas destinadas a fomento de emprego “prevese un gasto de 36.015,29 euros e propomos un incremento desta partida, tendo en conta que a taxa de desemprego supera o 10%.” “Tamén propoñemos incrementar a partida destinada a promoción cultural, xa que entendemos que a cultura é un dereito do que nos vimos privadas durante a pandemia”, concluíu Busto. 

O BNG votou en contra ao orzamento para 2021 que se debateu no Pleno