O BNG afirmou que a proposta de PXOM de Oza-Cesuras ven confirmar as súas críticas á fusión destes concellos

Estefanía Busto é a portavoz do BNG en Oza-Cesuras

Vemos claramente reflectido no PXOM que non se vai producir un aumento da poboación e polo tanto o incremento de vivenda é mínimo. Isto contradí todo o discurso do PP sobre a fusión de concellos, como levamos anos advertindo

O BNG afirmou que a proposta de PXOM de Oza-Cesuras ven confirmar as súas críticas á fusión destes concellos

Oza dos Ríos, 26 de febreiro de 2022.- O BNG afirmou que o documento de inicio do PXOM de Oza-Cesuras ven confirmar as súas críticas á fusión destes concellos. “Como advertimos no seu momento a fusión de concellos non conlevou un incremento da poboación, ao contrario do que afirmou o PP no documento xustificativo da fusión. Agora vémolo claramente reflectido no PXOM no que recoñece que non se vai producir un aumento da poboación e polo tanto o incremento de vivenda é mínimo”, explicou a portavoz do BNG, Estefanía Busto. “Isto que é obvio segundo os datos de poboación dos últimos anos contradí todo o discurso do PP sobre a fusión de concellos, como levamos anos advertindo”, engadiu. 

“Ademais, e debido á fusión vaise potenciar o crecemento no núcleo urbano de Oza e na zona norte do Concello, que propoñen que sexa o único núcleo en detrimento do núcleo de Cesuras, segundo afirma o propio documento de inicio. Este deseño prexudica claramente á veciñanza de Cesuras que se vai ter que desprazar a Oza para ter acceso aos servizos nun concello que carece de transporte público que facilite a mobilidade da veciñanza, como tamén advertimos no seu momento desde o BNG”, indicou Busto. 

“No PXOM non se reserva apenas solo para novos equipamentos, a pesar de que o noso concello non presta servizos obrigatorios para os concellos de máis de 5000 habitantes como é o caso da biblioteca pública ou o mercado municipal. Na realidade séguense emprestando os mesmos servizos que antes tiñan os concellos de Oza e Cesuras por separado, obrigando ademais á veciñanza a maiores desprazamentos sen un transporte que articule estes movementos da poboación”, criticou a portavoz nacionalista. “En resume o documento de inicio do PXOM reflicte todo o que desde o BNG vimos advertindo estes 10 anos e que lonxe de resolver os problemas da veciñanza só fai empeoralos”, afirmou Busto. 

Falta de transparencia na tramitación

A portavoz nacionalista explicou que o goberno local non lles informou en ningún momento de que xa estaba elaborado o documento de inicio nin de que se ía enviar á Xunta para sometelo a exposición pública, a pesar de ter preguntado no último Pleno polo estado da tramitación do Plan Xeral. Desde o BNG puxéronse a disposición da veciñanza para informalos sobre a proposta do goberno local e pediron ao goberno que explique nas diferentes parroquias a súa proposta e responda ás dúbidas que os veciños e veciñas poidan ter. 

O BNG afirmou que a proposta de PXOM de Oza-Cesuras ven confirmar as súas críticas á fusión destes concellos