O Pleno aprobou por unanimidade a moción do BNG en apoio ás traballadoras do Servizo de axuda no fogar
A moción do grupo nacionalista esixe garantir os dereitos laborais das empregadas do SAF, que se estaban concentrando na porta do edificio do concello antes do comezo da sesión plenaria
Oza dos Ríos, 8 de marzo de 2022.- O Pleno aprobou por unanimidade a moción do BNG en apoio ás traballadoras do Servizo de axuda no fogar. A moción do grupo nacionalista esixe garantir os dereitos laborais das empregadas do SAF, que se estaban concentrando na porta do edificio do concello antes do comezo da sesión plenaria.
“O presente 1 de xaneiro entrou en vigor o actual contrato do Servizo de Axuda no Fogar, adxudicado á empresa Osventos Innovación en Servicios, S.L. O principal criterio para esta adxudicación é o menor prezo por hora, non chegando neste caso aos 15 € / hora, mantendo as empregadas que é imposíbel manter un servizo de calidades por este importe” explicou Estefanía Busto, voceira do BNG.
“Trátase dunha profesión feminizada e que as profesionais destes servizos están deixando constancia desde hai anos dos abusos das empresas concesionarias, e que a propia administración ten a obriga de garantir a calidade no traballo en empresas que licitan coa administración e que reciben cartos públicos. Un debate imprescindíbel sobre os coidados e as diferencias salariais entre homes e mulleres, xusto neste 8 de marzo, día internacional da muller traballadora”, lembrou a concelleira nacionalista.
“Solicitamos ao goberno local a supervisión deste contrato e que demande da empresa concesionaria o cumprimento da legalidade laboral vixente, garantindo os dereitos laborais das traballadoras”, engadiu Busto.
“Desde o BNG defendemos sempre a xestión pública dos servizos, xa que é o único modo de garantir a súa calidade e o acceso en condicións de igualdade por parte das persoas usuarias, mais o concello de Oza-Cesuras aposta pola privatización dos mesmos”, lamentou Busto.