O BNG votou en contra do orzamento para 2022 aprobado onte no Pleno polo goberno local do PP

Estefanía Busto é a portavoz do BNG de Oza-Cesuras
Estefanía Busto é a portavoz do BNG de Oza-Cesuras

Estefanía Busto: “Estamos a dous meses de rematar o ano e o PP, que goberna con maioría absoluta, non foi quen de aprobar orzamento en dez meses, isto é unha mostra máis da incompetencia do goberno municipal”

O BNG votou en contra do orzamento para 2022 aprobado onte no Pleno polo goberno local do PP

Oza dos Ríos, 29 de outubro de 2022.- O BNG de Oza-Cesuras presentou alegacións ao orzamento municipal para o ano 2022 e votou en contra da aprobación  definitiva no Pleno que se celebrou onte. “Estamos a dous meses de rematar o ano e o PP, que goberna con maioría absoluta, non foi quen de aprobar orzamento en dez meses, isto é unha mostra máis da incompetencia do goberno municipal. Neste documento hai cartos sen gastar en investimentos desde o ano 2018”, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello. 

 “O gasto en órganos de goberno local segue medrando e ascende xa a 97.149,07 euros, dos que máis de 45.000 son o salario do alcalde.  Ademais de 30.000 en atencións protocolarias, 5.000 propaganda ou 20.000 en dietas”, informou a concelleira nacionalista. “Estas cifras parécennos escandalosas para un concello que apenas sobre pasa os 5000 habitantes, ademais alcalde pode cobrar dietas e locomocións por desprazarse de Oza a Cesuras”, censurou Busto.

“Non se nos deu ningún tipo de participación na elaboración deste orzamento, desde o BNG defendemos que a veciñanza poida opinar e decidir en que se gastan os cartos públicos”, informou Busto. “Afondando no tema da transparencia, unha vez máis a metade dos fondos para subvencións será destinado para subvencións nominativas. Cuestionamos esta forma de adxudicar as subvencións, que vai en contra da lei de subvencións, trátase de cartos que o alcalde vai entregar “a dedo”. Tamén, como todos os anos outros 10.000 que se reserva o alcalde para facer clientelismo e que lle adxudica a quen el considere” informou a voceira nacionalista. “O lóxico sería elaborar unha orde de subvencións de xeito participativo, cun acordo entre os grupos e a veciñanza, xa que se trata de cartos de todos”, engadiu a voceira nacionalista.

As nacionalistas propoñen aumentar a partida destinada a abastecemento de auga, que é unha obriga do concello e non ten fondos asignados. “Cuestionamos tamén que máis dun millón de euros son privatizacións, desde o BNG apostamos polos servizos públicos fronte ás privatizacións do PP”, concluíu Busto. 

O BNG votou en contra do orzamento para 2022 aprobado onte no Pleno polo goberno local do PP