Estefanía Busto será a candidata á alcaldía de Oza-Cesuras polo BNG
Busto: “O BNG é un grupo fiábel, que está sempre ao carón da veciñanza. Imos ás eleccións de maio co aval do traballo realizado nos últimos anos”
Oza dos Ríos, 30 de marzo de 2023.- Estefanía Busto Dopazo, actual concelleira do BNG en Oza-Cesuras, vén de ser elixida candidata á alcaldía pola asemblea local do BNG. A candidata de Salto (Oza dos Ríos) e encabezará “un proxecto pensado para abrir o concello á veciñanza, rematar coa política clientelar e en definitiva, “democratizar” o concello”.
Estefanía Busto estará acompañada na candidatura, entre outros, por José Manuel Sánchez, Johana García e Carlos Pedreira. “Presentámonos con ilusión e como alternativa ao goberno do PP, que leva toda a vida no poder sen ofrecer un cambio real e ningunha garantía, como puidemos comprobar coa fusión, da que non se cumpriu nin unha soa promesa”, explicou a candidata nacionalista.
“O BNG é un grupo fiábel, que está sempre ao carón da veciñanza. Imos ás eleccións de maio co aval do traballo realizado nos últimos anos”, declarou Busto. “Durante estes anos estivemos traballando da man da veciñanza e as plataformas do noso concello para evitar o macroparque eólico do Monte do Gato e as múltiples liñas de alta tensión que van ter un impacto enorme tanto na veciñanza, como no noso patrimonio natural e cultural”, explicou a candidata do BNG.
“Gobernar é algo máis que colocar beirarrúas e farois. Oza-Cesuras precisa máis servizos e condicións de vida digna e precisa un alcalde que apoie ás veciñas na defensa dos seus dereitos de forma clara e decidida, fronte aos recortes na sanidade, no ensino e fronte aos intereses das grandes empresas, presentámonos para ser garantía da defensa dos intereses da nosa veciñanza”, rematou Busto.