O BNG presenta alegacións ao Parque Eólico Legre entre Oza-Cesuras e Mesía
“Existen cando menos 15 núcleos de poboación a menos dun quilómetro dos aeroxeneradores, segundo o propio estudo de impacto ambiental, aínda que se aplicamos a lexislación actualmente en vigor antes citada a distancia mínima a estes núcleos de poboación sería de 1 quilómetro”
Betanzos, 17 de agosto de 2022.- O BNG presenta alegacións ao Parque Eólico Legre entre Oza-Cesuras e Mesía. “O Parque eólico Legre está formado por 7 aeroxeneradores de 6MW nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras cunha potencia total instalada de 37,95 MW máis unha subestación e unha torre meteorolóxica”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López. “Este PE forma parte do Macroparque Ordes-Curtis, composto tamén polo PE Solpor, o PE Gasalla e a liña de alta tensión que conecta estes Parques, que é compartida para estes proxectos e outros da zona como afirma o propio proxecto”, engadiu.
“A fragmentación dun PE é unha práctica fraudulenta cando se presenta un Estudo de Impacto Ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados, evitando unha avaliación global de todo o proxecto e das garantías esixibles”, indicou a responsábel comarcal do BNG. “O EIA debera ser único para todos os Parques Eólicos que comparten infraestruturas para avaliar o conxunto do impacto que todos os aeroxeneradores, infraestruturas de evacuación e de acceso van supor”
“Existen cando menos 15 núcleos de poboación a menos dun quilómetro dos aeroxeneradores, segundo o propio estudo de impacto ambiental, aínda que se aplicamos a lexislación actualmente en vigor antes citada a distancia mínima a estes núcleos de poboación sería de 1 quilómetro”, informou Cristina López.
“Ademais este proxecto afecta a bens patrimoniais, un BIC e varios catalogados, que segundo a lei de patrimonio de Galiza as administracións teñen obriga de protexer. Tamén ten un importante impacto sobre o patrimonio natural, xa que afecta á Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, ás Brañas do Deo recollidas na proposta de ampliación da rede natura e a varios hábitats prioritarios”, engadiu López.
Unha planificación eólica asentada en criterios de equilibrio e racionalidade
Desde o BNG insistiron na necesidade de paralizar todos os proxectos eólicos en tramitación para elaborar unha planificación eólica asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibro. “Demandamos unha planificación asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que protexa o patrimonio natural e cultural respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal”, concluíu a responsábel nacionalista.