O BNG presentou alegacións á liña de alta tensión Gato – Mesón do Vento polo fraccionamento do proxecto
“Ningún dos parques eólicos a que se fai referencia foron autorizados a día de hoxe, ademais todos eses proxectos foron tramitados de forma independente en lugar de forma conxunta para poder coñecer o alcance e o impacto real de toda a infraestrutura no seu conxunto. É obvio que non estamos ante parques eólicos independentes entre si, que poidan ser obxecto dunha avaliación individual, senón que forman un conxunto que é necesario e obrigatorio por lei avaliar de forma conxunta”
Betanzos, 31 de agosto de 2022.- O BNG presentou alegacións á liña de alta tensión Gato – Mesón do Vento polo fraccionamento do proxecto que impide valorar o impacto dos parques eólicos e as infraestruturas de evacuación no seu conxunto. “O proxecto consiste na infraestrutura de evacuación de 6 parques eólicos promovidos por Greenalia - PE Pena Ombra, PE Gato, PE Felga, PE Monte do Cordal, PE Friol, PE Pena da Cabra e PE Penas Boas – e afectará aos concellos de Oza-Cesuras, Abegondo, Carral e Ordes”, explicou Cristina López, responsábel comarcal do BNG das Mariñas.
“A maiores á subestación SEC Mesón 220/132 kV conectarase tamén á LAT 132 kV SET PE Gasalla-SET colectora Mesón 132/220 kV, que recollerá a potencia de catro parques en tramitación, desenvolvidos por Green Capital Power, ademais, deixarase espazo libre adicional por se for preciso no futuro instalar unha posición adicional para conexión de nova xeración” engadiu.
“Ningún dos parques eólicos a que se fai referencia foron autorizados a día de hoxe, ademais todos eses proxectos foron tramitados de forma independente en lugar de forma conxunta para poder coñecer o alcance e o impacto real de toda a infraestrutura no seu conxunto. É obvio que non estamos ante parques eólicos independentes entre si, que poidan ser obxecto dunha avaliación individual, senón que forman un conxunto que é necesario e obrigatorio por lei avaliar de forma conxunta ao tratarse de mega parques interconectados entre eles, que comparten infraestruturas básicas para o seu funcionamento”, indicou a responsábel do BNG.
“Facer unha avaliación de forma individual de todos os parques, da liña de evacuación, conexión e a LAT constitúe unha nulidade de pleno dereito ao fragmentarse de forma fraudulenta o proxecto na súa totalidade. Todos os parques eólicos a que se fai referencia publicaron os seus proxectos sen elementos esenciais para o seu funcionamento polo que nin o impacto deses proxectos pode ser avaliados correctamente, nin este proxecto pode ser avaliado correctamente”, concluíu.