O BNG pedirá información no Parlamento galego sobre o estado da tramitación da subestación de Abegondo
En vista desta resposta do Ministerio a deputada nacionalista, Mercedes Queixas, anunciou que solicitará á Xunta toda a documentación sobre esta tramitación e información sobre en que situación se encontra actualmente
O BNG lembrou a súa postura en contra da ubicación da subestación que tería un tremendo impacto nas aldeas e parroquias afectadas, e as múltiples iniciativas que en contra deste proxecto e dos parques eólicos e liñas de alta tensión que presentaron tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso dos Deputados
Abegondo, 14 de maio de 2022.- O BNG pedirá información no Parlamento galego sobre o estado da tramitación da subestación de Abegondo. A deputada do BNG Mercedes Queixas, xunto coa responsábel comarcal Cristina López e membros do BNG da localidade visitaron unha das posíbeis ubicacións da subestación, a carón do encoro de Beche, e anunciaron que pedirán á Xunta toda a documentación da tramitación despois de que o Estado responderá a unha pregunta do deputado Néstor Rego que a Xunta de Galiza é a que se está tramitando esta subestación de Red Eléctrica.
“Despois de anos solicitando información sobre a ubicación e o estado de tramitación desta subestación que comezara a tramitarse no ano 2017, a resposta do Ministerio foi que a Xunta solicitará facerse cargo deste tema e que o Estado xa no ano 2020, aceptara a súa petición”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
“Na mesma resposta o Ministerio afirma que esta subestación se seguiu tramitando e que na actualidade REE prevé cambiar o alcance do proxecto e realizar unha nova solicitude de autorización da Subestación de Abegondo e as LAT asociadas”, explicou a responsábel do BNG.
En vista desta resposta do Ministerio a deputada nacionalista, Mercedes Queixas, anunciou que solicitará á Xunta toda a documentación sobre esta tramitación e información sobre en que situación se encontra actualmente “despois de que moitos dos proxectos de parques eólicos que afectan á comarca das Mariñas e outras zonas do País recollan que van rematar nunha subestación en Abegondo”.
“Este tema está creando moita preocupación entre a veciñanza de Abegondo, e tamén nas persoas e plataformas afectadas polos Parques Eólicos e as liñas de alta tensión pola falta de transparencia e de información sobre a ubicación e as características desta subestación”, engadiu a deputada nacionalista.
O BNG lembrou a súa postura en contra da ubicación da subestación que tería un tremendo impacto nas aldeas e parroquias afectadas, e as múltiples iniciativas que en contra deste proxecto e dos parques eólicos e liñas de alta tensión que presentaron tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso dos Deputados. Lembraron tamén que o BNG presentou no seu momento alegacións a todos estes parques que rematan na subestación de Abegondo.
“Estamos facendo todo o que está na nosa man para informar á veciñanza e conseguir que non se tramiten estes proxectos cun tremendo impacto para o medio natural, bens patrimoniais e a veciñanza tanto de Abegondo como de toda a comarca”, concluíron.
Desde o BNG pediron ademais ao alcalde de Abegondo que deixe de intentar enganar á veciñanza afirmando que foi o BNG o que reactivou este proxecto cando a realidade é que proxectos de parques eólicos desde o ano 2020 recollen esta subestación e o propio PP desde a Xunta é quen a está tramitando. “Pedimos transparencia e información á veciñanza. É o concello quen ten que informar as veciñas e veciños e deixar de intentar culpabilizar a quen estamos trasladando a información en lugar de asumir a súa responsabilidade”, engadiu o responsábel do BNG, Blan García Roel.