BNG reclama coñecer as intencións do Goberno sobre a construción da Subestación Eléctrica Abegondo

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso

Demanda información sobre en que situación está a tramitación da instalación e que se leve a cabo unha exposición pública do proxecto, na que conste o lugar definitivo de instalación que se propón, a viabilidade e prazos de execución

BNG reclama coñecer as intencións do Goberno sobre a construción da Subestación Eléctrica Abegondo

Madrid, 4 de abril de 2022. O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas para coñecer a situación de tramitación da Subestación Eléctrica Abegondo e se comezará unha nova tramitación con exposición pública incluída que permita coñecer a localización definitiva que se propón para un proxecto que ten un importante impacto para a veciñanza das zonas afectadas. A organización nacionalista reclama transparencia no proceso e demanda ao Goberno que clarifique se autorizará unha liña de evacuación cara esta suposta subestación que está sen autorizar e que non se incluíu no plan rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026.

Coa solicitude de tramitación para a instalación do Parque Eólico Caíño -que afectaría aos concellos de Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado e Abegondo e Guitiriz- volve a darse por feito a existencia dunha futura subestación en Abegondo. Por este motivo, a organización nacionalista volve a preguntar polo estado de tramitación do proxecto de instalación desa suposta subestación á que se pretenden levar as liñas de evacuación dos proxectos eólicos que se atopan agora en tramitación. Neste sentido, cabe lembrar que non se completou no seu momento a tramitación da subestación xa que, a pesar de que en 2016 foi publicado o proxecto da subestación eléctrica, o proceso quedou paralizado tras consultar coas distintas administracións públicas afectadas e as persoas afectadas. 

“Quedou paralizado sen que chegase a publicarse o estudo de impacto ambiental nin a solicitude de autorización administrativa e sen que, por suposto, chegase a haber algunha resolución sobre o asunto” lembra o deputado nacionalista. Derivado deste suceso, descoñécese o seu emprazamento definitivo, e tampouco se sabe nada sobre a súa viabilidade e execución. “A pesar disto, a promotora da subestación dá por suposto que a localización será unha das tres alternativas baralladas inicialmente en 2016” incide Rego, “ademais, curiosamente esta situación varía da proposta noutros proxectos eólicos que tamén se atopan en tramitación”. 

O deputado nacionalista quere coñecer, por este motivo, en que situación se atopa a tramitación da Subestación Eléctrica Abegondo e “mesmo se se declarou a súa caducidade do procedemento iniciado en 2016”. Así mesmo, o BNG pregunta sobre se o executivo retomará o inicio da tramitación novamente incluíndo unha exposición pública do proxecto coa localización definitiva.

Mesmo, dado que do proxecto non chegou a publicarse o estudo de impacto ambiental nin a solicitude de autorización administrativa e que, debido a iso, descoñécese cal será o emprazamento definitivo, a súa viabilidade e execución, “queremos saber se o executivo estatal considera que se pode autorizar unha liña de evacuación cara a esta suposta subestación sen autorizar”.

Nos proxectos eólicos Nordés e Mistral- en tramitación- tamén se afirmaba, como xa advertiu o BNG nas alegacións presentadas, que as LAT conectarían á SE de Abegondo, pero a alternativa de localización para esta subestación que se recollía nestes proxectos non é a mesma que se recolle no  EIA do PE Caíño. Nesta última optábase pola alternativa 2 das propostas no documento de inicio antes citado e neste caso é a alternativa 3 a seleccionada. Por este motivo, Rego demanda coñecer en que documento se están baseando as distintas compañías eléctricas para escoller unha ou outra localización da subestación de Abegondo.

Por se todo isto fose pouco, máis sorprendente aínda é que na proposta de desenvolvemento da  RDT da enerxía eléctrica para o período 2021-2026 do goberno do Estado só recóllese en Abegondo unha conexión de renovables, pero non se contempla a construción dunha nova subestación, con todo, si se fai mención dunha posible ampliación da SE xa existente no Mesón do Vento. 

“Entendemos que non hai tal punto concedido porque nin sequera hai un proxecto en trámite para a construción desta subestación, e por tanto non se pode estudar o impacto dunhas  LAT sen saber onde van finalizar” conclúe Rego.

BNG reclama coñecer as intencións do Goberno sobre a construción da Subestación Eléctrica Abegondo