O BNG denuncia diante do valedor a negativa do concello a prestarlles un local para un encontro veciñal
“Parécenos lamentábel que o goberno local queira impedir que se informe á veciñanza de Abegondo e imos trasladar unha queixa ao valedor do pobo para garantir o dereito de todos os grupos políticos ou de calquera outro tipo a utilizar locais públicos que se manteñen con cartos de toda a veciñanza”
Abegondo, 22 de marzo de 2022.- O BNG denuncia diante do valedor a negativa do concello a prestarlles un local para un encontro veciñal co deputado no Congreso Néstor Rego para informar sobre a subestación proxectada por Red eléctrica en Abegondo, as liñas de alta tensión e os parques eólicos na comarca. “Solicitamos un local público municipal para celebrar un encontro informativo entre a veciñanza afectada pola subestación e as liñas de alta tensión e o noso deputado no Congreso Néstor Rego e a deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas. A resposta do goberno local do PP foi que non se prestan locais públicos para actos políticos fora de campaña electoral, que só se prestan para actos culturais, lúdicos ou recreativos”, explicaron desde o BNG.
“Parécenos lamentábel que o goberno local queira impedir que se informe á veciñanza de Abegondo e imos trasladar unha queixa ao valedor do pobo para garantir o dereito de todos os grupos políticos ou de calquera outro tipo a utilizar locais públicos que se manteñen con cartos de toda a veciñanza”, engadiron. “Trátase dunha actitude tremendamente antidemocrática”.
Desde o BNG lembraron que mesmo en campaña electoral o único local que pon a disposición para actos políticos o concello de Abegondo é o Campo da Feira, cando hai locais sociais nas parroquias, ou salas para actividades culturais como o Salón de Mabegondo que non se prestan nin en campaña electoral.
“Celebraremos o encontro veciñal o venres día 8 de abril con Néstor Rego e Mercedes Queixas nun espazo público ao aire libre diante da negativa do goberno local a permitir o uso dun local municipal”, concluíron.