BNG apoia á veciñanza de Abegondo que rexeita a construción da subestación eléctrica

Rego denuncia a fragmentación fraudulenta de macroparques eólicos na comarca das Mariñas e reclama a denegación da autorización para os PE Nordés e Mistral

Planificación coordinada, respecto ao medio natural, xeración de riqueza no territorio e non afectación á veciñanza: liñas principais do BNG para un novo modelo eólico

BNG apoia á veciñanza de Abegondo que rexeita a construción da subestación eléctrica

Madrid, 4 de xaneiro de 2022. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita o Concello de Abegondo para manter unha reunión coa veciñanza afectada polo proxecto de construción dunha subestación eléctrica e dar a coñecer as iniciativas rexistradas na cámara baixa reclamando ao Ministerio de Transición que denegue a autorización por non ter sido completado o expediente preceptivo previo.  A formación nacionalista tamén demanda rexeitar o Estudo de Impacto Ambiental por incompleto e a solicitude de Autorización Administrativa Previa dos parques eólicos Mistral e Nordés e das súas infraestruturas de evacuación.

Rego estivo acompañado pola responsábel comarcal do BNG, Cristina López, a voceira municipal de Coirós, Pura Ferreño; a portavoz en Oza-Cesuras, Estefanía Busto; e o cabeza en Irixoa, Sergio Boado. Durante a visita mantivo un encontro coas veciñas e veciños afectadas pola construción da subestación eléctrica e coñeceu de primeira man a situación que propoñen para o proxecto. 

Durante a xuntanza, o deputado do BNG puxo en coñecemento das e dos asistentes as diferentes iniciativas rexistradas no Congreso nas que se reclama ao executivo estatal denegar o permiso para a construción da subestación que se pretende instalar na localidade de Abegondo, así como rexeitar a tramitación dos Parques Eólicos Mistral e Nordés. 

O proxecto dunha futura subestación eléctrica en Abegondo foi feito público en 2019 e sometido a consulta nas diferentes Administracións Públicas afectadas e para as persoas afectadas mais o proceso quedou paralizado neste punto. Así, chama a atención que se inclúa esta subestación no proxecto para a evacuación dos parques eólicos cando, debido á paralización do procedemento, descoñécese o seu emprazamento definitivo, a súa viabilidade e executividade. É máis, estábanse barallando tres posíbeis puntos para a instalación, pero a promotora escolle agora unha das tres propostas alternativas reflectidas no documento inicial que fora presentado por REE pero cuxos trámites non chegaron nunca a rematarse” resalta o deputado Néstor Rego. 

En opinión do deputado nacionalista, Néstor Rego, “debe anularse a tramitación e a súa aprobación porque non se cumpre con elementos esenciais do procedemento como é o respecto ao principio de publicidade sobre o emprazamento definitivo da subestación” explica o deputado nacionalista facendo alusión a paralización da tramitación desde 2017. 

O estudo de impacto ambiental presentado para os parques eólicos non contempla aspectos esenciais. Así, por exemplo, non recolle no proxecto a preexistencia a efectos ambientais e de afección da Liña Aérea de Alta Tensión que conecta a central térmica das Pontes coa estación Mesón do Vento, en Ordes. De facto, a liña de evacuación proposta superponse en varios tramos coa xa existente sen que se inclúa solución algunha. En canto ás afeccións medioambientais, o estudo pon de manifesto que a construción destes proxectos “implicará severos efectos no medio ambiente que afectará de maneira específicas á fauna en especies catalogadas como vulnerábeis e ameazadas ou en perigo crítico”. Ademais, afectará tamén a máis de 190 especies de vertebrados- tanto peixes, como anfibios, réptiles, mamíferos e numerosas especies de aves. 

O deputado lembra que estes proxecto non se atopan recollidos en terreos que o Plan Sectorial Eólico da Galiza permita implantar. De facto, ambos os dous proxectos atópanse fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADEs) “contempladas no plan e non existindo declaración expresa por parte do Consello da Xunta para declarar a súa incidencia territorial coa función vertebradora e estruturante, única posibilidade para instalar un aeroxerador fóra destas áreas”. 

“Debe destacarse a proximidade  tanto dos  parques  eólicos  como das súas liñas de evacuación a distintos núcleos de poboación e vivendas illadas quedando a menos de 200 metros en moitos casos, co que se estaría incumprindo claramente a normativa relativa ás distancias mínimas  a vivendas” afirma Rego. Todos  os  estudos  determinan claramente a incidencia negativa dos parques eólicos sobre  a  poboación  próxima,  producíndose  contaminación  acústica   e  luminosa. “Representan un grave prexuízo para o benestar e a saúde dos habitantes residentes nas proximidades aos parques e liñas de evacuación, pero tamén para o valor patrimonial dos inmóbeis que habitan e para o desenvolvemento de actividades económicas na súa área de influencia” destaca o deputado nacionalista “dificultando a fixación de poboación e o fomento do emprendemento no medio rural”.

 

BNG apoia á veciñanza de Abegondo que rexeita a construción da subestación eléctrica