O BNG pediu ao goberno local que amañe a estrada que vai desde as comportas do encoro até Seixurra
“Trasladamos ao goberno local ás queixas que nos traslada a veciñanza da parroquia de Orto, que leva tempo observando como a estrada que vai dende as comportas do encoro até Seixurra rematando en Orto está a sufrir un serio deterioro”
Abegondo, 31 de maio de 2022.- O BNG pediu ao goberno local que amañe a estrada que vai desde as comportas do encoro até Seixurra. “Trasladamos ao goberno local ás queixas que nos traslada a veciñanza da parroquia de Orto, que leva tempo observando como a estrada que vai dende as comportas do encoro até Seixurra rematando en Orto está a sufrir un serio deterioro”, explicou o responsábel local do BNG, Blan García Roel.
“Son abondas as fochancas que presenta, alén diso observase como as augas do encoro están a comer as beiras da estrada – co perigo de derrubo que isto significa – e o asfalto atópase levantado en varias partes da mesma”, engadiu o responsábel do BNG. Por iso desde o BNG, solicitaron ao goberno local que se poña en contacto con EMALSA -propietaria da estrada segundo información do concello- para chegar a un acordo que permita a reparación desta estrada.
“Dende o BNG pensamos que non podemos estar continuamente tirando balóns fóra cando estamos a falar da mellora de servizos para a veciñanza”, engadiu García Roel. O BNG pediu tamén ao concello que se teña en conta no amaño desta estrada que é unha zona que protexida pola Rede Natura, e polo tanto estas obras se fagan respectando tanto a flora como a avi-fauna que hai no encoro.
“É responsabilidade do Concello manter un contacto directo coas partes afectadas para chegarmos a unha satisfactoria resolución dos problemas que xurdan. Hai que equilibrar as necesidades da veciñanza coas do espazo natural no que residen e tamén hai que manter unha liña de diálogo constante coa concesionaria do encoro para unha máis rápida solución dos problemas que se poidan dar nesa zona tan sensíbel”, concluíu o responsábel nacionalista.