O BNG presentou a súa campaña en defensa da atención primaria nas Mariñas
Dentro desta campaña o BNG recollerá sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular en defensa da sanidade pública galega
Betanzos, 9 de setembro de 2022.- O BNG presentou a súa campaña en defensa da atención primaria nas Mariñas. Na presentación participou a deputada do BNG, Mercedes Queixas, xunto coa responsábel comarcal do BNG, Cristina López e concelleiros e portavoces dos diferentes concellos das Mariñas.
Dentro desta campaña o BNG recollerá sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular en defensa da sanidade pública galega. “Esta Iniciativa Lexislativa Popular demostra o gran malestar social e das e dos profesionais polo deterioro que se está producindo na sanidade pública galega, especialmente na Atención Primaria que está vivindo a peor situación desde que existe unha sanidade pública”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.
Na nosa comarca estamos sufrindo queixas continuas da veciñanza pola situación da sanidade, sen ir máis lonxe este verán a veciñanza de Bergondo estivo máis dun mes sen pediatra, sendo derivados a outros concellos. “Levamos anos denunciando a precariedade do servizo de pediatría ou de matrona nos concellos das Mariñas e pedindo ao PP que incremente o orzamento para reforzar estes servizos”, indicou a responsábel comarcal do BNG.
A deputada Mercedes Queixas defendeu un incremento do 2,2% dos recursos destinados á Atención Primaria nos orzamentos galegos de 2023, logo de reclamar ao presidente da Xunta que “deixe de intentar botar balóns fóra e de intentar normalizar o desastre sanitario e se poña a traballar para recuperar a sanidade pública”.
Este é o resultado da precariedade e dos recortes do PP, que claramente o que está poñendo en risco é a saúde das persoas e hai que paralo porque coa saúde da xente non se xoga”, insistiu a deputada nacionalista logo de comprometer o traballo do BNG para defender “con unllas e dentes” a sanidade pública galega.